De cárceres

DecarceresPilar Sampedro. Dicía Concepción Arenal (da que se está a cumprir o segundo centenario do seu nacemento) que, se hai algo máis penoso que os presos, son as presas, así se ve nas súas análises e tamén na película producida por Zaza Ceballos Concepción Arenal, a visitadora de cárceres. O outro día, percorrendo o vello cárcere de Lugo, nunha visita guiada, puiden confirmalo. Explicaba a guía onde estaban as celas de mulleres e as de homes e as diferenzas entre ambas; como eles podían saír ao patio unhas horas ao día e elas non, como unicamente podían facelo para limpar as “letrinas” (tamén as dos homes). E, para rematar, nunha sala onde aparecía unha padiola paritorio, comentaba que elas parían alí, criaban os fillos mentres tiñan leite e logo llelos sacaban para a inclusa, pero o máis misterioso era que non viñan preñadas, que non tiñan contacto cos homes e como a Pomba das Torturas (permítanme a licenza) lles producía eses embarazos, porque o corpo da muller fora e seguía a ser botín de guerra, campo de batalla, material de tortura.

Mostrou a foto de Enriqueta Otero, a guerrilleira, que debeu asistir ao seu propio xuízo “entablillada” porque a rotura da maior parte dos seus ósos facía imposible manterse de pé, e como a execución tivo que ser unha liberación para ela. Poder voar, de novo, pola atmosfera, deixar de laiar a dor, non ter que ver aos monstros que se deixaran absorber pola maldade que sempre será ese lado escuro da humanidade.

Os lugares máis tenebrosos, eses onde aboia a crueldade, eses onde alguén ten todo o poder sobre o outro. Os tempos máis escuros, os dos golpes de estado, cando son as armas as que ditan e detrás delas se colocan os seres máis tétricos, aqueles que igual non resistían a análise psiquiátrica sen ingreso e tamén aqueles outros que destes se aproveitan para enriquecerse, como facían os nazis co xabrón da graxa humana ou os fascistas españois quedándose coas propiedades dos republicanos represaliados.

Daquela, antes e despois, as que peor o levan, as mulleres; as mulleres e a rapazada, esas bolboretas que danzan e rin nas peores condicións e sobre as que se ceban os monstros que cobren os seus pesadelos. Porque eu, daquela, soñei co coche do sangue e con el deben soñar agora os nenos e nenas de países pobres aos que os maiores avisan do perigo dos mercadores de órganos.

Podemos volver a Concepción Arenal e lembrar que considera a execución pública da pena de norte como algo embrutecedor para quen a leva a cabo e para todos os que a observan. Tamén, no vello cárcere de Lugo, comentaban que nos tempos do golpe de estado e ditadura fusilaban os presos fóra dos muros, detrás do cárcere, no cemiterio (para non ter que perder o tempo e que puidesen ser observados por moitos que collerían aínda máis medo), aí onde hoxe está o Gran Hotel e ao lado do Seminario de Lugo, que permanece, despois de ver todo o que pasou. E volve a pregunta de Concepción Arenal: Como manterse indiferente ante a desgraza allea?

Algo diso sabían Manuel Rivas e José Luis Cuerda cando escribiron e rodaron A lingua das bolboretas.

Imaxe: Unha das portas de cela do Vello Cárcere de Lugo, xustamente aquela que recolle o nome de Gregorio por Gregorio Sanz que escribiu Uno de tantos. Cinco años a la sombra, publicado por Edicións do Castro.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>