Primeira impresión

FNPR3MWLLCMarina Losada Vicente. Impresionouna a primeira vez, cando explicaba o tipo de danza que ía impartir no centro social. A presentación de cada alumna, á semana seguinte, non fixo senón acrecentar en Daniela aquela sensación. A forma de desprazarse de Mare, relaxada e libre, distendida, como quen camiña no aire, ou non camiña, sen conciencia do propio movemento. O estar ausente e atenta ao tempo. Presente con sabor a espertar. Unha pinga de abstracción, non sabería dicir. Aínda que algo intuía, foi a ficha de inscrición a que lle pechou a porta. A pupila é quince anos máis vella que a mestra. Unha montaña que non sabe como escalar.

            Era verán cando a coñeceu, cun vestido longo, axustado ao corpo ata as cadeiras, unhas sandalias baixas, que lle daban un aquel de intemporalidade, pode que algo hippy. Hoxe que a mira enfundada nunhas mallas e un xersei amplo, de colo alto, calzando uns deportivos potentes, volve recibir, tras o espello no que practican, a mesma placidez de cando a coñeceu. Como cada venres, algo revoa no seu interior no mesmo momento de vela entrar na aula, quizais antes.

            Daniela, mantendo o ricto serio autoimposto, propón un exercicio de cruce de filas, cunha música de ritmo forte, e aínda que Mare entendeu as instrucións recibidas, a volta cara á vosa dereita, non puido evitar un tropezo coa compañeira de atrás, que fixo que caese. Sen perder en ningún momento o sorriso da cara, e antes de erguerse, agasallou a mestra cunha agarimosa mirada de desculpa.

            —Aínda no chan segues sendo a muller máis engaiolante que coñezo —dixo Daniela, ao tempo que lle ofrecía a man e un gran sorriso, deixando saír, por fin, aquela alegría de tela preto que levaba reprimindo meses.

4 comentarios en “Primeira impresión

  1. Boa tarde, de novo. De amores inconfesables tiven que falar fai uns meses. Unha entrevista que ía a publicarse o día do orgullo LGBT. Preguntábanme que recordaba sobre esta realidade na miña infancia. A miña familia era atendida por un practicante homosexual. A única persoa de Rianxo á que recordo se lle fixera unha homenaxe pública na vila estando viva. O médico de cabeceira, durante uns anos, tamén era homosexual e nel confiabamos de forma particular os problemas de pel. Algo máis tarde, o titular da farmacia na que eu compraba… O que non tiven nunca foi conciencia, nos meus primeiros trinta anos, de mulleres que se amaran entre si. Amores inconfesables, certo, Carmen. Nesto, as mulleres, tamén saíamos perdendo. Bicos.

  2. Boa tarde: Esta semana escoitei a Fernando Ónega na Radio Galega, que fala desde Madrid, decindo que estaba enfadado coas franxas horarias que determina o goberno polo Covid-19. Non polas horas mesmas, senon polo grupos de idade. Conta o periodista con 72 anos, dixo, no seu carnet de identidade, aínda que parece ser que na práctica non diría que teña tantos. O caso é que lle preocupaba saber que pensaría a súa muller, á que lle leva vinte anos -creo que dixo-, sabendo que convivía cun home que está no mesmo grupo que as persoas dependentes e as máis vulnerables. Ironía a parte, que lla botou, como galego que é, o caso é que unha diferenza de idade grande fai que convivan corpos con necesidades moi dispares, mentes con visións moi diferentes e mochilas con cargas en perfecto desequilibrio. Non sei se me explico, Magdalena?

  3. Querida Marina, no podías explicar con mayor sencillez, claridad y encanto, un amor en otro tiempo inconfesable. La reclusión te inspira.
    Esta no es mi hora habitual de venir al ordenador, porque me conozco y puede resultar desastroso. Un abrazo enorme.

  4. Moi bo remate, coma todo o teu, Marina.
    Xa sabes que no amor non basta atacar; hai que tomar a praza. A diferenza de anos non é ningún obstáculo. Loucura é amar, a menos que se ame con loucura.
    Unha grande aperta Marina, e moitos biquiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>