Atlas, de Alba Cid

9788491514121X. Ricardo Losada. A poesía non é, nin moito menos, o xénero ao que máis tempo dedico, pero si o que me depara momentos de maior pracer intelectual, e no que podo desfrutar con máis paixón dos extremos, desde os poemas máis claros e cristalinos de Rosalía ata os máis escuros e crípticos de Manuel Antonio, desde os máis románticos de Neruda aos máis sucios de Bukowski, desde os máis sentimentais e líricos de Rubén Darío aos máis prosaicos e narrativos de Anne Carson. E prodúceme ese pracer, seino, porque non entendo moito de poesía, e leo os poemas como cartas que me manda un amigo ao que só lle esixo, máis alá da súa forma de expresarse, que sempre respecto, a maior das sinceridades. Dito doutra forma. Non valoro un poema porque sexa tan perfecto que se lle cambias unha soa palabra ou un signo de puntuación ou un espazo en branco, se autodestrúa. Valóroo se percibo nel (e non me pidades que explique como) esa autenticidade, tan difícil de conseguir nunha construción tan planificada, que é, para min, o signo distintivo da súa grandeza.

      Tiven unha desas experiencias marabillosas lendo o outro día un libro da poeta ourensá Alba Cid titulado Atlas. Non vou entrar agora no contido porque é un deses libros que, ou desentrañas ata o máis mínimo detalle cada imaxe, símbolo ou referencia (o cal requiriría, probablemente, un talmud de comentarios), e estableces deseguido un marco xeral que os relacione, e no que ti e o poema respiredes conxuntamente, ou non serás capaz de expresar nada que non soe (e isto é o que menos merece este sorprendente e orixinal libro) a tópico ou a comentario para saír do paso. Se tivese que facelo, diría algo así: “Atlas, mestura de ensaio, narración e verso, tensa os límites da poesía, incluso do propio libro, pois a súa radicalidade hai que inserilo nunha tradición poética chea de desafíos, desacatos e rupturas. A poesía galega xa coñeceu, desde Manuel Antonio, todo tipo de experimentos e sabotaxes formais, pero este é moi especial. A súa dicción antilírica recorda ás veces a de Marianne Moore. E os seus extravíos verbais deben non pouco ao magma de John Ashbery. E ao mesmo tempo é imposible incardinar a súa obra nunha determinada corrente, tendo creado ela mesma un espazo de reflexión a un mesmo tempo clásico e impredicible.

Foto: La Voz de Galicia

Foto: La Voz de Galicia

Neste libro hai unha dimensión crítica, ensaística, pero tamén ficticia. Boa parte do impacto que produce Atlas estriba na súa capacidade para crear un espazo amplo, baleiro e anónimo de subxectividade crítica”.

     Diredes vós: para non entender de poesía, como soltas a melena ao vento! Non. Non me contradigo. Esas palabras entres aspas non son miñas. Son dun tipo (parafraseadas por min) que si sabe moito de poesía, Andreu Jaume, escritas no limiar dun libro que eu recordei (lérao había un mes) en canto comecei a ler Atlas: A beleza do marido (un ensaio narrativo en 29 tangos) de Anne Carson, a quen a propia Alba Cid cita nalgún momento. Deixarei que fale o libro por si mesmo (cunha cita que só pode ser extensa), para que vexades o ton, o estilo e a tremenda complexidade, pero unha complexidade creadora dese misterio onde os seres humanos necesitamos entrar se queremos ser realmente humanos, que domina Atlas: eu, que levo garzas simetricamente opostas sobre o peito, / xurei ante os cinco emperadores que o equilibrio non existía, que / se as garzas sostiñan os ríos de toda a porcelana chinesa / era tan só / por un mecanismo de bloqueo na articulación. // premiáronme por arriscar todo na defensa. / uns anos despois escribinche. dicía: / Rostock, seis de xullo, / que atroz interromperte; verás, / necesito que entendas a utilidade de certo tipo de feridas. / estou rematando un ensaioEU_TaoHXkAAtkNU / sobre as condicións pre-modernas da migración das aves, / e as especies tratadas, desde Aristóteles, como viaxeiras á lúa / ou mariñeiras que raramente volven. // estudei incluso un panfleto de 1703 / que defende a comuñón das andoriñas, / a súa reunión en pantanos / e a coreografía que respectan para pousarse nos xuncos / até afundilos. / invernan baixo as augas, na calma hipnótica dos lameiros, / e por iso emerxen tan klein mollado en primavera. E o poema segue para dar sentido ao título: Historia apócrifa do descubrimento das migracións ou o sacrificio das pfeilstörche.

      Cando lin a Manuel Antonio por primeira vez aos meus 16 anos, molestoume enormemente a súa poesía, mesmo me pareceu artificial e pedante, pero, en canto pechei o libro, non puiden evitar entrar mentalmente naquel poemario, e pasei máis de corenta anos desexando comprender (pero, que significa comprender?) aquel misterio, non por un prurito crítico, senón por calmar unha ansiedade persoal moi profunda. E sabedes por que era un misterio no que me apetecía entrar? Porque aínda que non entendía case nada, percibía esa autenticidade e esa sinceridade de amigo, esa necesidade esencial de escribir aquel libro, que é a marca dos poetas que me gustan. O mesmo sucede con Atlas. E a proba máis evidente, para a miña sensibilidade, é que de Alba Cid pode dicirse o que algún crítico dixo dunha escritora, Siri Hustvedt, que a ela, case con toda seguridade, lle debe encantar. Que non finxe non saber.

5 comentarios en “Atlas, de Alba Cid

  1. Benquerida Carmen:

    Eu teño sorte. Teño uns gustos moi amplos e, para máis, que me guste algo non me impide para nada amar o diferente. Ao contrario. Canto máis me guste a poesía clásica, máis me permite abrime á poesía vangardista.

    Eu valoro nun poeta que fomente a amizade. Que sexa capaz de crear un clima propicio para a intimidade compartida. Na novela ou no ensaio busco outras cousas.

    Aínda non saín. Sigo pensando que, dadas as circunstancias, é máis natural e espontánea a vida na casa que a vida na rúa. Mañá teño que facelo, e aproveitarei para reencontrarme co mundo. Nunca na miña vida estivera tanto tempo sen ir á
    rúa de Arriba e á praza de Castelao, os centros do meu mundo anímico.

    Bukowski!

    Apertas moi fortes

  2. Polo momento, vento en popa a toda vela, e distraéndome un pouco estes días cunhas cartas que Rilke lle escribía á sua muller contándolle o que estaba vendo da obra de Cézanne no Salon d’ Automne de París.
    E un pouquiño monótona pero ten frases que solo por elas xa paga a pena estar con el.
    Unha aperta, profesor.

  3. Prezada Magdalena:

    É algo no que lle insisto moito aos alumnos. Non é posible ser creativo e orixinal se primeiro non pasas unha fase de repetición, repetición e repetición. Era o que dicía Cezanne con 60 e tantos anos: “Hoxe mellorei algo”.

    Pois está moi ben sinalado. É un libro titánico, sen dúbida. Moi esixente, pero que paga moito a pena o esforzo. Como ela di, “os símbolos traballan o seu propio desxeo”. Ou: “intuír o bosque na dispersión das sementes”. OU: “unha ruta de seda /
    que coñece / a verdadeira violencia do que se dá por sentado”. Non a coñezo persoalmente, e non sei se esa lucidez é froito da súa experiencia ou das súas lecturas, pero a min pareceume un libro moi sabio e, a pesar das constantes referencias culturalistas, moi sensible.
    Agardo que todo siga indo vento en popa e a toda vela.

    Apertas rianxeiras

  4. Querido profesor:
    Con la poesía me ocurre igual que con la música: acostumbrada a los clásicos de antaño he tenido que ir aprendiendo a encontrar sentido a la nueva forma de escribir. Mi manera de valorar la poesía es notar que llega a mi fibra sensible, para bien o para mal, que me alude. Lo mismo le pido a una novela, a no ser que se trate de una biografía, pongo por caso, en la que no se deben desvirtuar los hechos al novelarlos. Me ocurrió con bastantes personajes históricos y me pegué el gran batacazo al descubrir que también eran humanos. Demasiado humanos…
    El poema que has seleccionado de Alba Cid no sólo es poesía: es un tratado en toda regla sobre el comportamiento de las aves migratorias. Después de tan completa reseña de un ¿lego en la materia?, no queda otra que hacerse con ese “Atlas”.
    Desde que comenzó el encierro sólo salí un día unos minutos a la calle. Me prometí no repetir hasta que fuese imprescindible. Pero esta mañana estuvo mi hijo con el avituallamiento de la semana y me animó a salir: bien mirado, era una pena no aprovechar el largo bulevar flanqueado de árboles que tengo al lado de casa para darme una buena caminata.
    Lo cierto es que la salida resultó ligeramente accidentada, comenzando por la mascarilla: se me ha ocurrido desinfectar en el microondas la de la escapada anterior y ¡buena la organicé! al no percatarme de que tenía un fino alambre en el interior… Menos mal que disponía de otra… Ya en el parque me encontré con una vecina del barrio aquejada de un parkinson que apenas le permite andar y me pidió acompañarme. Más adelante se nos agregó un señor todavía en peores condiciones, y lo que iba a ser una marcha a buen paso se convirtió en un paseo al ralentí. Para colmo estaban los dos bastante sordos y con mi poca voz…
    No me arrepiento de haber salido: a mi regreso recuperé la caminata en la bicicleta estática. Pero me ha entristecido comprobar la enorme soledad que existe en las grandes urbes.
    Ah, también buceé un poco en la vida, y menos en la obra, de Bukouski al que no conocía.
    Felices sueños.

  5. Bos días, querido profesor:
    Os novelistas e poetas coinciden quizás en unha cousa: que non existe obra literaria sin esforzo, sin oficio e sen coñecementos. Con toda seguridade, ( aínda que teña poucos anos ) Alba Cid, empregou coñecementos e oficio nesa obra chamada “Atlas” co esforzo dese líder dos “titáns” que ela lle puxo por título a ese libro que che deparou eses momentos de pracer intelectual. No me extraña que levando o apelido que ten, sea unha aguerrida campeadora das letras. Haberá que ler o libro da ourensá. Graciñas pola recomendación, profesor.
    Coma sempre, é unha delicia lerte.
    Moitos biquiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>