Cen anos do teatro Coliseo Noela

BJ27C4F2_202912Pedro García Vidal. A onda renovadora que percorre o século XIX e primeiras décadas do XX ten tamén expresión nos espazos de ocio, pois así como xorde unha nova arquitectura doméstica ou se multiplican os espazos verdes, a nova sociedade burguesa precisa igualmente de novos lugares para o esparexemento e a vida social. De aí que nas cidades e vilas se constrúan teatros, que en moitos casos eran tipos de establecementos que non existían con anterioridade, ou que, de existir, tiñan unha dimensión moi limitada.

A burguesía precisa, ademais dunha nova cidade onde desenvolver a súa actividade económica crecente, uns espazos para o ocio e, ao mesmo tempo, para o lucimento persoal e para o establecemento de relacións sociais, do mesmo xeito que a aristocracia fixera nos teatros reais. Para isto era necesario dispor dun lugar pechado e suntuoso, amplo, con grandes vestíbulos que funcionen a modo de salóns sociais, e palcos onde poder exhibirse.

Dende o punto de vista técnico, as incorporacións do foxo, tremoia, xogos de decorados variados, etcétera, completan o que será o novo teatro para unha nova sociedade burguesa.

Ao modelo de teatro tradicional, axiña se sumaron teatros-cine, onde convivían os dous tipos de espectáculo. En Noia, o Coliseo Noela, o Teatro Mercedes e o Cine París en Muros, ou o Cine Elma na Pobra, constitúen bos exemplos deste tipo de edificacións.

A medida que avanzaba o século XX, o teatro foi entrando en decadencia mentres o cine se convertía nun espectáculo multitudinario. A construción de teatros diminuíu, e os antigos edificios foron adaptándose co fin de que puidesen coexistir as proxeccións cinematográficas coas representacións teatrais ou revistas.

Lugar de espectáculos de Noia

O teatro Coliseo Noela, emprazado no lateral norte da rúa do Curro, representa o lugar de espectáculos por excelencia daquela vila de Noia da primeira metade do século XX. Teatro, zarzuela, concertos, cine e conferencias traían ás súas salas as actuacións de máis sona do momento. Espectáculos que, polo tanto, tiñan unha importante repercusión comarcal e contribuíron a consolidar unha poderosa centralidade cultural e de ocio da vila.

Edificio modernista levantado en 1920, caracterízase polo emprego de formigón armado na súa estrutura e o ferro na ornamentación, a sobria decoración que se reduce a formas xeométricas, e a adaptación satisfactoria ao contorno por medio do soportal. Presenta unha planta inferior con cinco arcos -o central de maior amplitude- sobre os que se apoia un primeiro corpo. Nel ábrense cinco grandes ventanais partidos por unha columna central a maneira de parteluz. A fiestra central está dividida en catro espazos con triplo parteluz e remate superior en forma de arco.

Inauguración

Inaugúrase o Coliseo Noela a véspera de San Marcos do ano 1921 (24/04/1921), co espectáculo de zarzuela Cádiz e de seguido o orfeón Tambre. A partir de 1966 foi destinado exclusivamente a cine, ata o ano 1986 en que pecha as súas portas.

O Coliseo, adquirido e rehabilitado polo Concello, volveu abrir en 1999. Cunha capacidade de 342 localidades, na actualidade o edificio dedícase a espectáculos de teatro, concertos, cine, congresos e sala de exposicións.

Os espectáculos no Noela tiñan repercusión comarcal

Un comentario en “Cen anos do teatro Coliseo Noela

  1. Aquí en Palmeira también tuvimos el gran “Cine Millán” ahora en la más lamentable de las ruinas.
    Las cosas han cambiado, Pedro, con el advenimiento de la televisión y como no, de las nuevas tecnologías, le hemos dicho adiós a ciertas cosas entrañables.
    Saludos palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *