Santana, terra de palhoças e levadas

santana 1Xerardo AgraFoxo. Atravesar a illa para chegar á costa norte, supón serpear con abraio as faldras dunha montaña chea de socalcos salferidos con aldeas cativas e cultivos tropicais. Un abeiro onde as manchas de néboa e os ventos húmidos anuncian as paisaxes tépedas propias da laurisilva, unha especie de loureiro que se dá nestas fragas dende hai dous millóns de anos. Un ecosistema que pola diversidade das súas plantas e a fauna que nel habita foi declarado pola UNESCO Patrimonio Natural da Humanidade.

Cando o autobús da época salazarista chega con preguiza ao concello de Santana, Reserva Mundial da Biosfera, aparecen de súpeto un monllo de palhoças, a casa tradicional con forma de V invertida, fachadas de cores vivas, tellados de palla e dous andares: un para conservar o millo e outro para acubillar o gando. Dende o eirado onde se atopan estes típicos palleiros nace unha carreiro que, a través do Parque Forestal das Queimadas, mergúllase nunha levada. A illa conserva dous mil quilómetros destas canles trazadas polos devanceiros para levar a auga dende os outeiros máis esgrevios até os vales máis baixos do fragoso territorio. Unha tarefa titánica realizada a través de canles ciceladas nas rochas para salvar as dificultades propias dun volcán de áspera orografía, socalcos de vertixe e vizosa vexetación.

Un comentario en “Santana, terra de palhoças e levadas

  1. Moi fermosa a descrición antropolóxica e paisaxista de Santana, pero ben nos podías deleitar no próximo libro, sobre estes arriscados viaxes, coas fotos de cada lugar o cal agradeceríamos os teus lectores.
    Unha aperta amigo Xerardo.

Deixa una resposta a Domingo Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *