Leis e realidades

Ana de Tord e Joan Batallé

Uxía Casal. De cativa coñecín de preto un caso de maltrato doméstico que me abriu os ollos á inxustiza e me provocou un verdadeiro abraio. Unha muller e a súa filla (máis noviña ca min e sempre con expresión de susto na face) abandonaran home e pai, fartas de malleiras e humillacións, e instaláranse na casa dos avós maternos; ata alí chegou un día o home bébedo –unha vez máis- cunha escopeta cargada, con tan boa fortuna que caeu pola escaleira, a escopeta disparouse e matouno. Foi a primeira vez na vida que sentín algo semellante á ledicia pola morte dun ser humano que, polo feito de ser home, tiña dereito a impedir que a muller traballase fóra da casa, que non puidese manter unha conta corrente ao seu nome, que debese pedirlle permiso escrito para desenvolver calquera actividade social e, madía leva, bater nela cando se lle antollase. Escuso dicir que cando cheguei á casa apresureime a preguntarlle a miña nai, que confirmou punto por punto as miñas escandalizadas preguntas. Dende aquela seguín con interese todo cambio que se producía nas leis verbo dos dereitos das mulleres: a despenalización do adulterio, o dereito a dispoñer dos propios cartos, o de traballar sen necesidade de permiso ningún, o divorcio, etc., etc., etc. En relativamente pouco tempo as mulleres adquiriron un dereito impensable hai corenta anos: ser tratadas como seres humanos á marxe do seu sexo. Aledeime, claro. Aínda que as leis son importantes, tamén o son os cambios sociais e estes, por desgraza, van moito máis amodo do desexable. Os prexuízos machistas non son doados de erradicar, se cadra –entre outras- por unha razón tan sinxela coma o desexo de posesión e manipulación. Mentres os homes continúen pensando que posuír outro ser humano é o máis normal do mundo, nin as leis nin o sentido común serán quen de acadar unha auténtica igualdade. Sospeito que eu non chegarei a ver que se nos valore sen paternalismo, se nos trate de verdade de igual a igual, se nos permita amar con liberdade e se nos considere seres humanos completos e non medias laranxas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *