A “demonización” da pobreza

chavsGonzalo Trasbach. Chavs: A demonización da clase obreira (Owen Jones, Capitán Swing, 2012) é un compromiso moral coa pobreza da Inglaterra actual. Jones aporta unha visión desgarrada da cultura media inglesa de agora, vertendo ademais un caudal de información escandaloso sobre calquera democracia europea.Ocúpase da “democracia real”, do poder, da súa xeneralizada impiedade, dunha corrupción estrutural que chapuza por igual a políticos e periodistas, a conservadores e neolaboristas.

Así pois, en nome dunha poboación martirizada pola súa clase opulenta, Chavs non deixa monicreque con cabeza. Militante na Inglaterra somerxida, este libro proxecta mil datos asombrosos dunha Europa postmoderna que se pretendía libre das taras clasistas ou racistas. Coa desculpa do escarnio aceptado, Jones trata do retorno do reprimido, debulla a cultura actual do vello odio de clase e tamén a “vinganza” freudiana da pobreza rexeitada. Dentro dun sorprendente compromiso, talvez “moral” antes que político, Jones busca o resto excluído, a escoura social que resulta do “tsunami” thacherista. Logo do proceso de reconversión industrial e anímica, Chavs localiza os últimos xudeus aos que podemos maltratar impunemente. Busca logo unha pequena contradición, o resto dos restos, un síntoma que sinale a inmensa desigualdade que agocha a Inglaterra oficial torie e neolaborista. Localiza en realidade unha “demonización” da pobreza que ten unha orixe máis ou menos calvinista: a miseria e a desorde na terra son un signo de que Deus (agora, “a clase media”) non os ten escollido. Esta sociedade non pode vivir sen xudeus, non pode ser coñecida máis que polos seus supostos inimigos. Chavs é tamén implacable co papel perverso dunha prensa pregada á elite política, e a unha clase obscenamente rica, na tarefa policial de limpar todo o material humano que sobra para o traballo de laminar un país.

Antonio Berni: Manifestación, 1934

De aí provén a caza do home que serve de entretemento a unha poboación menos “media” do que se pretende, hoxe en día ao borde da angustia económica e social. Toda esta infamia é retratada sen piedade, dende o arranque do libro, coa comparación entre o secuestro de dúas nenas, Madelein McCann e Shannon Mathews. Como cen personaxes máis, os cales se fan inesquecibles pola súa honestidade, o párroco Dewsbury fala de “pornografía mediática”: comunidades do norte deprimidas son retratadas en bloque como infrahumanas, un fato de monstros desestruturados e antisociais. O libro de Jones é un catálogo imprescindible de todas as humillacións que poden padecer os pobres no occidente democrático. Os de abaixo “procrean sen control”. Están formados por “desaliñadas nais solteiras que espremen o sistema de prestacións”, tendo moitos fillos, que se pasan o día en sofás de coiro sintético fronte a televisores de plasma. Pero “procrear en masa non é un dereito divino…”. Jones abre o volume amosando a súa desconfianza cara á elite progresista, que endexamais emprega a palabra “maricón” ou “paki”, nin sequera para facer un chiste ocasional. Jones cre ver na palabra “chavs” o síntoma do excluído, aquilo que se pode impunemente esmagar, unha subclase branca que consegue representar sen cobertura na pobreza. Por iso todos se ceban con eles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *