Tematicamente, un busto semiespido dunha muller sedente/xacente, en escorzo, durmida, cunha bolboreta pousada no peito. Polo título sabemos que é Afrodita, a deusa da beleza, do amor non romántico e da sexualidade na mitoloxía grega, isto é, a Venus dos romanos.
Íncubo maléfico
Pero en Yolanda, ese íncubo maléfico devén bolboreta, o que se presta a múltiples interpretacións. A bolboreta, igual que Afrodita, nace núbil e fermosa. E, asociada á mitoloxía e á relixión, é emblema de alegría, espírito de perfección, inmortalidade, renacemento e transcendencia. Soñar con elas é sinal de cambio inminente, pero tamén necesidade de atención e cariño.
Xusto a muller temida que reclaman os movementos sufraxistas na súa loita pola súa emancipación. O feminismo como forza creadora e de transformación total.
Ambivalencia pasional da arte entre a virtude e o pracer. Un pathos entre o subxectivismo irreal e o surrealismo da imaxe. Para Freud, os (malos) soños carrexan os desexos reprimidos da vixilia e abren unha ventá aos nosos abismos inconscientes. Ventás que para Borges son «gretas do inferno», pero que para a psicanálise son a vía directa á libido, ese oculto poder…! E Afrodita-papoula é a gran musa que esixe amar e ser amada, de ti a ti, en corpo e alma.
Borges e Nabokov citan a fábula de Chuang-Tzu -sabio chinés do 300 a. C.-: «Chuang-Tzu soñou que era unha bolboreta. Ao espertar ignoraba se era Chuang-Tzu que soñara que era unha bolboreta ou unha bolboreta que agora soñaba que era Chuang-Tzu».
Somos os soños que nos quedan, Yolanda!
Mimadriña!
En que fregado metes a Yolanda. Agora van a parala pola rúa pra quer lles fale de “Chuang-Tzu”, do “Íncubo maléfico” e como pode saír dunha prancha de cobre e zinc ese trasno sedutor metamorfosearse nunha bolboreta capaz de seducir as venus, psiches ou froditas.
Menos mal que se pode saír a calle embozado co boceiro, pois senón estaba aviada Yolanda co rosario de aclaración que lle ían a chover.
Un luxo de análise artístico mestre, e noraboa a Yolanda pola súa xenialidade.