Camelias

O FÍO DE ARIADNA. CAMELIAS. IMGUxía Casal. No colexio onde estudei 14 anos había un fermoso xardín con camelias, no que destacaban as vermellas, e un día de temporal unha amiga e mais eu paseamos, felices coma axóuxeres, baixo a chuvia e o vento entre as árbores, que ceibaban flores a cada refoleo. Alleas aos elementos, gozamos do espectáculo invernal ata que nos descubriron, molladas coma pitos, cando as mamás nos foron buscar ao mediodía.

A min caeume unha rifa bonita, que se converteu en desgusto cando me mudaron a roupa; a gabardina, que con tanto coidado tinguiran de granate para que me durase un ano máis, coa molladura fora desprendéndose da cor prestada para regalárllela ás demais pezas con que me vestiran; nin a camiseta interior de algodón groso nin as bragas brancas se salvaron e, a pesar dos numerosos lavados posteriores, conservaron un ton rosado o resto da súa vida útil.

Sempre que vexo camelias vermellas lembro ese episodio pasado por auga, o aproveitadiños que eramos na ditadura por pura supervivencia e a bendita inconsciencia da nenez.

Moito máis tarde coñecín as camelias brancas e dubido moito que Dumas, Marie ou Camille tivesen demasiado que ver en que se convertesen nas miñas preferidas. Á fin e ao cabo, simbolizan a estima, a gratitude e a admiración.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *