Escrito en cafeterías, de Miguel Anxo Murado

Escrito-en-cafeterías-Miguel-Anxo-MuradoX. Ricardo Losada. Nada do que escribe Miguel Anxo Murado é anecdótico, iso que todo parece anecdótico. Nada do que escribe é indiferente, iso que todo parece indiferente. Sirva de exemplo da primeira afirmación unha das dedicatorias deste marabilloso libro de artigos periodísticos: A Pilar, que aprendeu galego a base de lelos. Sirva de exemplo da segunda afirmación esta cita: “E é que a indiferenza, tan desprezada, resulta tan forte como as relixións e as crenzas políticas, a ideoloxía secreta dunha maioría silenciosa. Non se aprende na escola nin se promove con campañas de concienciación, mais ao final vaise impoñendo porque sen ela sería imposible vivir xuntos”.

     Os meus improbables lectores neste blog saben da miña admiración por Miguel Anxo Murado. É deses escritores que, ao lelos, parecen boas persoas no mellor sentido humanista: curiosos, polímatas, tolerantes, intelixentes. Pásame o mesmo con Carlos Casares, aínda que estou farto de oír que era un trepa. Non me fío. Para a maioría da xente (ás redes sociais me remito), os grandes defectos dos seus son virtudes de mártir, e os pequenos defectos dos outros, pecados mortais. Nada persoal teño oído de Miguel Anxo Murado, nin me interesa. Chégame con mirar unha foto súa para saber que aquilo que escribiu ten a súa alma. Como el di, non son as persoas as que aprenden dos libros, son os libros os que aprenden das persoas. Cómo é fóra desa foto é algo que debe preocuparlle á familia, amigos, veciños e compañeiros de traballo, non ao lector.

     Se todos pensásemos como Miguel Anxo Murado, o mundo sería mellor. Qué pensamos sería secundario. Se todos escribísemos nas cafeterías e non nos púlpitos ou nas cátedras ou nos escanos parlamentarios, a convivencia sería máis fácil. escrito en cafe 2Miro a foto da contraportada deste libro e penso que ningún exabrupto pode saír dese ámbito. Murado escribe nun pano de mesa nunha mesa de mármore con tres cuncas de café baleiras. No gran espello da parede do fondo, vese o resto da cafetería e outros clientes, confiados, de costas. Un pano de mesa engurrado observa como varios panos de mesa pugnan por saír do gardapanos mentres Miguel Anxo escribe, de perfil, cousas como esta: “Por iso, se logo o atleta dá positivo nun control antidopaxe, caemos sobre el coma inquisidores. Non porque fixese trampa senón porque considerabamos os seus triunfos nosos e polo tanto é coma se nos roubasen. Por iso a ninguén lle importa que se dope un perdedor”.

     Miguel Anxo Murado non ten solucións para os problemas do mundo. Ten solucións para o problema de como e desde onde deberiamos mirar o mundo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *