Raimundo Patiño a propósito do Día da Ilustración 2022

XuramentoLarachaPilar Sampedro. O Día da Ilustración forma parte das datas sinaladas no Calendario do Libro e da Lectura. Celébrase o 30 de xaneiro, conmemorando o nacemento de Castelao.

Cada ano, a consellería de Cultura, Educación e Universidade pon en marcha a iniciativa en colaboración coa AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración). O obxectivo é  lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural ao tempo que se homenaxea, en cada ocasión, unha ilustradora ou ilustrador histórico galego. Xa se fixo con Lolita Díaz Baliño, Cándido Fernández Mazas, Camilo Díaz Baliño ou Álvaro Cebreiro e, este ano, correspondeulle a Raimundo Patiño.

Neste día, tal como podemos ver na páxina que o recolle, hai iniciativas dende unha exposición sobre o autor na Biblioteca de Galicia, a edición dun cartel conmemorativo, e catro visións (tamén por medio de cartaces) do ilustrador homenaxeado que este ano lles correspondeu a Alberto Díaz, Aarón Moucho, Sandra Lodi e Andrea López que, ademais, presentan cadanseu vídeo explicando a súa obra. Outro vídeo, afonda na figura de Raimundo Patiño cunha entrevista a Xaquín Marín, o seu compañeiro de xeira en Madrid e no mundo do cómic.

Lembrar a Raimundo Patiño é unha boa ocasión para volver a vista atrás. E, con el vén Xohán Casal, o Kafka galego como lle ten chamado Rivas, o escritor que se sabía condenado a morte e nos deixa cedo. Raimundo Patiño foi quen publicou parte da súa obra en O Castro e a familia Patiño quen entregou a súa documentación á RAG. Os dous foron como estrelas fugaces, grandes activistas de Galicia, creadores de manifestos e xuramentos, homes dispostos a defender a patria dende todos os campos.

Lembrar a Patiño é traer o xuramento de Laracha no que participan con Enrique Iglesias e Avilés de Taramancos. Avilés escribiu, na morte de Patiño un artigo titulado “Soñar en vegliota”, do que extraemos uns fragmentos: “Desde o xuramento de Laracha, cantas voltas no reducio da vida. Naquela noite de 1954 veláramos as armas e fixéramos do lume e dos montes pondalianos a testemuña da nosa dedicación ata a morte, folgo a folgo, por unha Galiza ceibe e popular” e tamén “Eu contaba  contigo, capitán. Para tensar o arco; para afiar a lanza; para  loitar de incógnito. Eu contaba coa túa bravura, co auxilio da túa man, coa túa gargallada inmortal para romper no último combate, e ceifar, e ceifar, e ceifar…” No tempo que lle quedou ficou habitando esa orfandade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *