Galicia e os galegos na poesía castelá CLXV. Teresa de Xesús. Vilancico con “Gallejo”.

la-segunda-salida-de-santa-teresa-de-jesusRomán Arén. Na orixe, o vilancico, que vén de vilán, é unha canción popular, de entre tres e cinco versos, con temática profana que logo os poetas cultos glosan por medio dunha estrutura que parte do mote popular, ao que se engaden as mudanzas, un verso de enlace e un verso de volta ou retrouso que rima co vilancico popular. E do profano o vilancico paso ao “divino”, a iso que identificamos con nadaliñas, reises ou panxoliñas e tamén co vilancico propio do Nadal nas igrexas. E nos conventos. Os vilancicos de “galegos” foron moi populares en Portugal, Castela (Toledo, Valladolid, Burgos, Salamanca, Madrid), a coroa de Aragón (Zaragoza, Lleida), Andalucía (Sevilla, Xerez),, Portugal (Lisboa, Coímbra, Vilaviçosa) e mesmo pasaron a América. Por que? Porque, cría Pensado, aínda había unha clase de pobres máis baixa cós pastores, os galegos emigrados, e entre eles, na miseria, nacería Deus. A esta moda non foi allea Teresa de Cepeda e Ahumada (1515-1582), a fundadora do Carmelo descalzo como Teresa de Xesús. Ben coñecida como escritora en prosa (autobiografía, mística), foi tamén estimable poeta, aínda moi presente nas antoloxías da poesía renacentista. Manexando unha edición das súas Obras, a compilada por Vicente de la Fuente, no tomo Terceiro de 1881, atopo a seguinte poesía: “Letrilla al nacimiento, que hizo nuestra santa Madre Teresa de Jesús”:

Mi gallejo, mira quién llama./-Ángeles son, que ya viene el alba./Heme dado un gran zumbido/que parecía cantillana,/mira Bras, que ya es de día,/vamos a ver a la zagala./Mi gallejo, mira quien llama/-Ángeles son, que ya viene el alba./Es pariente del alcalde/¿U quién es esta doncella?/-Ella es hija de Dios Padre,/relumbra como una estrella.

Chama a atención a voz “gallejo”, que quizais amose a presenza da gheada, que Teresa coñecería polos galegos que ían á sega ou a servir. A presenza de galegos emigrantes non é rara, como o testemuña, por exemplo, o vilancico de Tomas de Micieres, cantando en Salamanca en 1690, que viñan con moita miseria:

pues vene da súa terra,/sin zapatos, sin zapatos.

Malia que con Juan Boscán e Garcilaso de la Vega triunfa, dende 1526 o estilo italianizante en España, non por iso desaparece o pracer dos lectores pola poesía da tradición castelá no século XVI, ben patente no éxito de romances, endechas, letriñas, vilancicos glosados, moda que continuará na poesía xa barroca (Góngora, Lope). Ao éxito do vilancico contribuirán os libros de música do século XVI, onde se sitúan como unha forma polifónica máis. A moda xa existía no século XV (Cancioneiro musical de Palacio) e tan é así que o vilancico de Juan del Enzina “Por mayor era por mayo” é chamado o “gallego de Mudarra”. Polo demais, os maios galegos son considerados por Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico, como unha das formas de vilancico galego, a acarón das panxoliñas, os aninovos e os reises, que os nenos cantaban polas portas para loraren os migallos.

Xa postos, remato anotando a negativa opinión do editor de Teresa de Xesús sobre esa “letrilla”: «Esta poesía es tan sosa y disparatada, que no puedo creer sea de Santa Teresa, por más que se pusiera en el manuscrito de Cuerva, de donde está copiada”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *