El insólito peregrinaje de Harold Fry, de Rachel Joyce

insólitoInés Otero. Esta novela acaba de gañar o IX Premio –Novela Europea– Casino de Santiago de Compostela, logo de competir con outras catro espléndidas narracións: “”Antigua Luz”, de John Banville; “As voces baixas”, de Manuel Rivas;  “Medusa”, de Ricardo Menéndez Salmón, e “Nada se opone a la noche”, de Delphine de Vigan. Esta é a primeira obra de Rachel Joyce, unha actriz de teatro e guionista da BBC,  que conseguiu con esta orixinal historia –tenra, sinxela e ateigada de mensaxes– vender máis de medio millón de exemplares no Reino Unido.  Algo así como cinco mil no noso sistema literario.

Harold Fry sae da casa para botar na caixa de correos unha carta. É a resposta  a unha misiva de Quennie Hennessy, unha vella amiga e compañeira de traballo que, tras un silencio de case vinte anos, acaba de comunicarlle que está a punto de morrer de cancro. Pero, cando Harold se dispón a enviarlla, un impulso repentino anímao a levarlla camiñando case mil quilómetros.

rachelA obra, tecida cunha prosa doada de ler, está repleta de críticas e reflexións: as liortas do mundo cotiá, a denuncia contra unha sociedade consumista, a amargura polas frustracións non asumidas e o amor pola vida sinxela. A  viaxe que realiza este humilde xubilado, dende o condado de Devon ata a fronteira de Escocia, semella unha expiación. Tamén nos ofrece unha ollada silenciosa –tal como serían os paseos de Jane Austen, citada aquí varias veces– sobre uns personaxes que loitan contra os seus problemas e fracasos existenciais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *