Fortuny, Osma, Proust

fortunyRomán Arén. Guillermo de Osma, un dos estudosos máis cultos e “raros” do estado español, publicou en 2010 este interesante libro, breve, case un folleto, sobre Mariano Fortuny e as súas relacións con Proust e os ballets rusos na editorial Elba. O Fortuny estudado non é o pintor decimonónico, senón o seu fillo, Mariano Fortuny Madrazo (1871-1949), o grande deseñador, sobre quen xa publicara unha extensa monografía en inglés en 1980 e outro breve ensaio en italiano. A novidade esencial deste traballo é explicar a relación do español co autor de Á recherche. Non se sabe se se coñeceron, pero pertencían ao mesmo círculo (o dos Hahn e o dos Madrazo) e Fortuny é un dos leit-motiv na obra narrativa proustiana. Fortuny foi un dos grandes anovadores da moda feminina, e por iso Proust analiza os seus traxes (“cada un é único o que lle dá un carácter moi particular…”). Foi el quen rematou coa rixidez nos vestidos femininos cara a 1910, permitindo un gran cambio na percepción do corpo. As primeiras que se atreveron a levar a roupa de Fortuny foron, nada máis e nada menos, que Isadora Duncan, Eleonora  Duse e Ruth Saint Denis. É con eses traxes cos que Proust viste a Albertine, a prisioneira. Outra das mulleres que usou os vestidos do español foi a Duquesa de Gramont, Élaine de Greffulhe, o modelo da Duquesa de Guermantes. O probable vínculo Proust-Fortuny viña por Reynaldo Hahn, o músico, amante de Proust. Escribe este en 1916: “O leitmotiv Fortuny, pouco desenvolvido pero vital, xogará o seu papel á vez sensual, poético e doloroso”.

Fortuny 1875 (Goupil et Cie París)
Fortuny 1875 (Goupil et Cie París)

Pero hai máis, a renovación do ballet de Diaghilev é inseparable da renovación da vestimenta. Para un novo xeito de bailar, unha nova vestimenta que permita máis liberdade de movemento. E isto viuno claro Fokine, o coreógrafo dos ballets rusos, que colaborou para iso con Baskt ou Larionov. Do influxo de Baskt viñeron a saia-pantalón, o traxe-pantalla, o gusto polos turbantes de Poinet. E isto foi ben coñecido por Fortuny, quizais o influxo fose mutuo. Fortuny resiste o paso do tempo e os seus deseños andan noutras literaturas: Mary McCarthy, por exemplo.

Osma ofrece unha antoloxía de textos proustianos onde Fortuny aparece, doce, algúns bastante extensos.

Para ambientar esta obra pódese reler Proust en galego ou Paul Morand en Venecias, tamén na nosa lingua. E lembrar que Cunqueiro escribiu varias veces sobre o autor d’Os praceres e os días e mesmo recensionou a famosa biografía de Painter sobre Proust en <Grial> co pseudónimo “Patricio Mor”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *