Leis educativas e outras estatísticas

lomceX. Ricardo Losada. O equipo directivo do meu instituto pediume que dixese unhas palabras no acto de entrega de orlas de 2º de bacharelato. Recordo que cando tiña a vosa idade, comecei dicindo, dubidaba entre buscar o éxito que me esixía o entorno (familia, profesores, veciños) ou a felicidade que eu mesmo demandaba. O entorno intentaba diluír ese dilema convertendo éxito e felicidade en sinónimos, pero o meu olfacto dicíame que buscar o éxito afastaba da felicidade, e buscar a felicidade afastaba do éxito. Comecei COU con intención de estudar Matemáticas, a materia que máis me gustaba, pero remateino decidido a estudar Filosofía, que en 3º de BUP me pasara desapercibida. Para min era un cambio propio da idade, pero o entorno advertiume que escollía o fracaso.

      Agora, xa con cincuenta anos, estou satisfeito daquela decisión. E podo dicir, con perspectiva, que a razón desa satisfacción foi decatarme que tanto eu como o meu entorno estabamos equivocados. A clave dunha vida non está en buscar o éxito ou a felicidade (palabras que por significar todo xa non significan nada) senón en atopar a maneira de ter a cotío un bo estado de ánimo. Como se consegue? Respondereivos co que aprendín todos estes anos. Un bo ánimo diario conséguese con bos hábitos e bos recordos. Pensade nos seis anos de vida académica que agora acabades neste instituto.loe Adquiristes bos hábitos? Tedes bos recordos? Se é así, pagou a pena este longo periplo, sacarades as  notas que sacarades. Xa que hoxe non teño tempo para máis, só vos direi que para saber se tedes bos hábitos debedes pensar se cando vos levantades pola mañá vos apetece ir (ollo: non confundades apetecer con gustar) ao lugar ao que tedes que ir. E para saber se tedes bos recordos, debedes pensar se cando vos deitades pola noite, vos apetece pensar (agora si podedes confundir apetecer e gustar) naquilo ao que lle dedicastes a maior parte do tempo durante o día.

     Podo dicirvos que veño traballar con bo ánimo todos os días a este instituto grazas aos bos hábitos e aos bos recordos que adquirín ao longo destes anos. Sei que agora, para evitar a abstracción desde pequeno discurso, debería pór algún exemplo de bo hábito e bo recordo. Farei algo mellor. Pórvos unha tarefa para a casa que me entregaredes dentro de trinta anos con exemplos de bos hábitos e bos recordos da vosa propia vida. Entón dareivos a nota que verdadeiramente importa, esa que non puiden darvos este ano porque non conta para entrar nunha carreira universitaria nin nun ciclo de FP.

P.D.: Media hora antes do acto renunciei a dicir esas palabras. Parecéronme innecesarias e inútiles. Agora arrepíntome de non telas dito. Parécenme necesarias e útiles. Son os efectos devastadores de tantos cambios lexislativos en educación como levo vivido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *