Pensamentos

pelexaUxía Casal. A pesar de levar bastante tempo neste mundo, confeso sen rubor ningún que continúan abraiándome moitas cousas. Intúo que iso non é mao, se cadra porque o vexo coma a capacidade de continuar aprendendo do que me rodea e, por que non?, reafirmarme nuns valores que coido eternos en contra do “todo vale” abrazado por xentes que confunden o cu coas témporas. Desde que un político guerreiro inaugurou os insultos no Parlamento amparándose na liberdade de expresión (alá por 1982) –e que tanta graza lle facían a meu defunto pai, afeito como estaba a non poder dicir en público o que pensaba-, o asunto non fixo máis que empeorar e semella que hoxe non é máis forte ou serio quen máis razón ten, senón quen berra máis alto e descualifica sen argumentos sólidos a quen non pensa coma el, só polo puro pracer de ir á contra ou quedar por riba do outro a base de volume.

Lembro que, hai preto de corenta anos, de viños pola rúa do Franco en Santiago, quedei estantía cando oín o seguinte argumento(?) dun compañeiro de paseo: “Se eses non cren na revolución, non a apoian e non colaboran, terán que ir a un campo de reeducación”. Olleino sen dar creto; estabamos saíndo dunha longa ditadura na que o pensamento único fora até entón o que se podía dicir en voz alta, coa palma da man ergueita, e todo aquel que non concordase debía morder a lingua; nin sequera estaba permitido discrepar con educación, sen violencia, porque –claro- era unha ditadura. Ilusa de min, coidei que a chegada da democracia traería uns modos menos proclives á vinganza, pero o paso do tempo demóstrame que seguimos sendo unha nación de salvaxes e arroutados, de xentes que só ven “estás comigo ou estás contra min”, de que resulta imposible tratarse con educación ou unha mínima cortesía se temos ideas políticas diferentes.

pelexa 2Ás veces boto de menos aquel grupo de estudantes de historia da arte que nos xuntabamos na biblioteca ou na miña casa para compartir os libros e axudarnos mutuamente; comunistas, nacionalistas, conservadores e despistados coñeciámonos abondo e sabiamos de que pé coxeaba cada un, pero iso non nos impedía sabernos compañeiros que perseguiamos un fin común: aprender.

Un comentario en “Pensamentos

  1. Totalmente de acordo. Tamén para min foi moi triste descubrir que moitos antifranquistas non estaban en contra das ditaduras, senón da ditadura franquista. Nin en contra da corrupción, senón da corrupción franquista. Parabéns por ese artigo, cada vez máis necesario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *