Atragoada

aaaaMarina Losada Vicente. -Avoa, por que á chica se lle ve o cu e ao chico non se lle ve?

Praia de Tanxil, na zona na que a rapazada pasa a tarde. Antón, mentres merenda, mira como xogan nos campos de volei praia, que eles mesmos trazaron, usando como centro as redes que colocou o concello. Unha morea de corpos en movemento, eles en traxe de baño short; elas, bikini brasileiro.

O neto preguntoume varias veces polos detalles do xogo, como o costume que teñen de chocar a man ao remataren algunha xogada. Eu fun dándolle cumprida resposta -obrígome a facelo sempre-, asistida pola miña amiga Fita, que ten unha neta federada en voleibol.

Dúas ou tres veces a pelota chegou ata a nosa toalla e foi Antón quen, cheo de razón, alcanzou a devolvérllela, fose a unha rapaza fose a un rapaz. A media tarde, un grupo deses xogadores pasa ás carreiras ao noso lado para mergullarse. Detrás, seis ou sete compañeiras apuran o paso cunha pelota, para atoparse cos demais na auga.

Por último, pasan por diante nosa, andando sen ningunha présa, o mozo e a moza que motivaron a pregunta do Antón. A min, como te imaxinas, a resposta quedoume algo atragoada. Mentres ía dándolle forma, caín na conta de que os dous pensáramos o mesmo a un tempo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *