Fidel Vidal. Sendo verdade que o discurso acerca do fetiche tivo e ten unha marcada dimensión sexual -o fetichismo como un modelo exclusivo da (non) relación sexual-, a idea de que o referente último de fetiche sexa o falo non se articulou até finais do século XIX. O discurso máis antigo que se coñece sobre o mesmo relaciónase coa “bruxería e o control da sexualidade feminina”. O fetiche, segundo o dicionario coordinado por Feixó Cid (1986) é un obxecto ao que se lle atribúe poder sobrenatural e ao que se presta culto supersticioso. Figuradamente significa cousa que fascina e cativa, feitizo, hechizo.
A tese de Willian Pietz, en paralelo á súa expresión fonética, como idea e como problema, e como obxecto de novidade, ten a súa orixe nos espazos transculturais da costa occidental de África durante os séculos XVI e XVII, onde tivo lugar “dentro dunha formación social nova, por evolución da palabra franca fetisso”. “Fetisso, procede do portugués feitiço, que na Idade Media tardía significaba `práctica máxica’, ou `hechicería’ (…) Feitiço, deriva do adxectivo facticius, facticio” (W. Pietz, O problema do fetiche). Unha práctica máxica sempre acompañada dunha forma especial de fala.
Polo tanto, o fetiche relaciónase cun obxecto e cunha práctica, cun facer. Deste “facer”, o home pretende certas consecuencias. É da forma de “facer” que, etimoloxicamente, nace o fetiche. Para Corominas hacer, (fere), en galego facer, do latín facere; hecho, hechor, “o que fai”, “el que hace”. De aí hechizo, “artificioso”, “postizo”, substantivo no sentido de “artificio supersticioso del que se valen los hechiceros”; da correspondente forma portuguesa feitiço, mal pronunciada polos negros, tomouse o francés fétiche, de onde fetiche“.
Arredor do culto e do sobrenatural está a colectividade que pervive no individuo, de aí que o fetiche apareza cargado de valor social. É esta unha das apostas onde a dialéctica individuo-sociedade establécese como segura. As palabras máxicas que emite o bruxo ou canta o cura, as divinas palabras, os latíns, son imprescindibles para que a liturxia do feitizo, acade éxito: a maxia do verso. A función do verbo como fetiche, a máis perversa se o queremos na acepción psicanalítica, quer dicir, a máis inocente.
Para Deleuze o fetiche é o obxecto natural da conciencia social como sentido común ou recoñecemento de valor. Feitizo é unha palabra nada concreta e ás veces personificada no que ten de supersticioso. Así como hai feitizos maléficos, tamén os hai benéficos e protectores, que atraen o ben, como os cornos da vacaloura. Refrán: Non hai feitizo como o pantrigo i o leite macizo (Eladio Rodríguez González).