Philomena

Philomena-OG-BadgeAgustín Agra. Hai xa anos, non sei cantos con exactitude –quizais uns dez– enviei ao arcebispado unha solicitude de apostasía –fun bautizado, como tantos, con apenas uns meses, mais unha vez acadada a idade na que puiden decidir por min mesmo abxurei de toda relación coa Igrexa–. Este día, vendo a película Philomena –baseada nun caso real– do realizador inglés Stephen Frears, recordei que, malia o tempo transcorrido, aínda non recibín resposta.

Para Philomena, a protagonista do filme, todo comezou cunha feira, un mozo aposto e unha mazá de caramelo. Logo viñeron a tentación –como adoito cando anda unha mazá de por medio– e o pecado: carnal e mortal. Finalmente a penitencia.

A de Philomena é unha historia máis entre as das 35.000 rapazas irlandesas que foron enviadas a conventos por cometer o terrible crime de quedaren grávidas fóra do matrimonio. Ela foi internada –recluída máis que acollida– en Roscrea, no condado de Tipperary, nunha das numerosas institucións xestionadas pola Igrexa. Alí traballou xunta outras nais solteiras e mulleres vítimas de violacións para expiar os seus pecados.

magdalenaNunha outra película do ano 2002 –As lavandeiras da Magadalena, de Peter Mullan, León de ouro en Venecia ese ano– descríbense as condicións de traballo que sufriron as coitadas que foron encerradas, algunha ata 10 anos, nas lavanderías xestionadas polas Irmás da Misericordia. Nela poden verse a violencia física e a moral: castigos, humillacións, fame, traballo arreo 364 días ao ano e, como lle ocorreu a Philomena, a separación dos seus fillos.

Ambas películas súmanse no meu imaxinario ao descubrimento estes días dunha fosa con case 800 esqueletos de nenos a carón doutro convento irlandés que acollía a nais solteiras. Os pequenos sucumbiron ás precarias condicións de vida nesa institución xestionada por monxas católicas: alimentación insuficiente, falta de hixiene, rudeza no trato…

Un caso máis a engadir á listaxe de abusos –soa abominacións demasiado forte?– perpetradas pola Igrexa nas católicas terras de Irlanda.

Judi Dench and Steve Coogan in PhilomenaCon tres anos, o pequeno Anthony, ao igual que outros 50.000 cativos, foi vendido a unha podente familia americana por 1000 €. Quizais tivo sorte despois de todo; alí, mentres outros foron vítimas de experimentos médicos e moitos outros sufriron abusos sexuais, el levou unha boa vida. Pasaron os anos. Daquela, na data en que cumpriu 50, Philomena comezou a buscalo…

Poida que, despois do tempo transcorrido sen resposta, no arcebispado se esqueceran de min. Espero que non. Mais agora, tras a improbable lectura deste texto, renace a miña esperanza de que atopen a miña petición e teñan a ben borrarme de todos os seus rexistros e arquivos e, por fin, ser honrado co anhelado título de apóstata.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *