Olive Kitteridge versus Elizabeth Strout

olive-kitteridge-9788415325604Inés Otero. Estamos diante de trece relatos –Premio Pulitzer, 2010– que se poden ler como unha novela. A autora retrata con sinceridade e precisión psicolóxica o mundo pechado dos habitantes de Crosby, unha vila costeira do estado de Maine. E o fío condutor da maioría destas historias é Olive Kitteridge, profesora do instituto durante varias xeracións na localidade e coñecedora dos segredos dos seus veciños, uns seres que se moven cunha firme estratexia: sobrevivir. A partir das reflexións desta mestra de matemáticas –que xustifica o nulo evocador título da obra– coñecemos como se cruzan as vidas dunhas persoas nas semanas posteriores á caída das Torres Xemelgas, símbolo das catástrofes que, segundo comenta ela, lle afectan ao mundo contemporáneo.

Cunha voz narrativa que toma distancia coas diferentes tramas e unha lingua fría e aceirada, a autora describe os problemas que padecen uns seres anónimos e desconcertados. Por estas páxinas desfilan homes e mulleres con condutas miserentas e conmovedoras, viúvas amargadas e adolescentes rebeldes. O suicidio, a depresión,  a soidade, a desesperación,  a anorexia, a obesidade, as drogas e a traizón percorren cada capítulo deste libro a través da conciencia de Olive, ás veces, algo críptica, pero sempre honesta.

strout1Elisabeth Strout, amais dunha excelente narradora de contos, mostra con este feixe de historias –paralelas e diverxentes– unha capacidade singular para observar a vida cotiá, esa parte da realidade onde se atopa o auténtico sentido da nosa existencia. Estamos ante unha nova Carson McCullers?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *