
X. Ricardo Losada. O xenial escritor portugués Gonçalo Tavares dixo algo sobre os filósofos que eu só aplicaría aos malos filósofos: “Se todos tivésemos unha boa condición física non habería filósofos; os filósofos, como están cansados, dedícanse a resolver problemas tipo: Se a laranxa nacera dunha árbore chamada maceira, ¿habería que chamar mazá á laranxa ou laranxeira á maceira?”. Tiven esa mesma sensación oíndo os debates televisivos sobre monarquía ou república que seguiron á abdicación de Xoán Carlos I, e comprendín que o mellor argumento contra a monarquía non é filosófico nin político nin histórico. É unha nena chamada Leonor. Véndoa nos diferentes actos de proclamación do novo rei recordei o debate sobre a clonación. Os que se opoñen a ela argumentan que sería inhumano que un neno clon soubese o seu futuro físico só con mirar o álbum de fotos familiar. No caso de Leonor aínda será peor. Ela non saberá como vai ser fisicamente, pero si ideolóxica e profesionalmente. Unha monarquía podería ser moderna aínda que non se votase o xefe do estado (en repúblicas democráticas como Alemaña o presidente non é electo), pero é necesariamente premoderna porque condena a nenas como Leonor a vivir unha vida predeterminada máis alá da autonomía da súa vontade, que diría Kant, cun dos conceptos clave da modernidade. Non son os dereitos dos españois os que invalidan a monarquía, son os dereitos de Leonor. Se algún lector compara o seu caso co de calquera outro neno, xa que todos os pais condicionan as súas vidas, ignora que é unha diferenza de grao e, neste caso, unha diferenza abismal de grao.
É a mesma consideración que me fai criticar que os pais leven nenos ás manifestacións. Teño visto escenas patéticas de nenos berrando slogans e insultando a políticos, para orgullo dos pais, satisfeitos de podelos exhibir diante dos colegas ideolóxicos. Nos debates que fago nas clases de Ética percibo con moita facilidade os alumnos que foron educados como Leonor, para que pensen exactamente igual que os pais. Non me opoño a que os mozos teñan ideoloxía, sempre que saiban relativizala, e sexan conscientes de que non teñen criterio, experiencia nin marco teórico propio para facer afirmacións definitivas sobre temas complexos. Como profesor, prefiro un mozo de 15 anos indiferente á política que un clon ideolóxico dos pais. O primeiro, cando menos, sabe que é ignorante e, polo tanto, pode chegar a aprender. O segundo, por crerse sabio, será sempre un ignorante. Eses pais, incapaces de concibir que os fillos poidan pensar de forma distinta á deles, son monarcas, e nin sequera monarcas parlamentarios, monarcas absolutos da peor estirpe.
Por eses mesmos deuses, grazas.
Boa reflexión, J.R. Polos deuses celtas que si.