Francisco Luis Bernárdez e González Carbalho. Dous arxentinos por Galicia

discurso encolRomán Arén. A biblioteca é un paraíso pequeno. Non é moi extensa a miña, pero confórmome, porque isto da lectura é unha amálgama de lembranza e esquecemento, reler é necesario, un lembra libros que xa non sabe de que van. Remexendo nos meus andeis, no apartado dos folletos, opúsculos, follas e libelos, atopo un libriño de 1953, editado por Galicia del Centro Gallego de Buenos Aires, que contén dous discursos sobre a nosa lingua pronunciados o 19 de setembro de 1952 na Galería Velázquez da capital arxentina, comentados polo xornal <La Nación> ao día seguinte, comentario que serve de prólogo ao volume, que dá a luz Discurso encol do idioma galego de Bernárdez e Idioma y poesía gallega de González Carbalho.

Francisco Luis Bernárdez (1900-1978) foi un arxentino de pais galegos que viviu en Ourense entre 1920 e 1925, amigo de Teixeira de Pascoâes e de Gómez de la Serna, de Cebreiro e Montes, de Fernández Mazas (que ilustra moi fermosamente o seu poemario Kindergarden, Madrid, 1923), dos surrealistas franceses, admirador de Eluard e que tivo admiración por Castelao, a quen dedicou varios artigos, reunidos en Mundo de las Españas (1967), por Juan Ramón, Solana, Ortega y Gasset, Pimentel, Falla, Miguel Hernández e Correa Calderón.

Francisco Luis Bernández
Francisco Luis Bernández

Comezou como poeta modernista en Orto (Madrid, 1922) con cuberta do galego Méndez, para pasar logo ao ultraísmo en Bazar (1922), e xa na Arxentina vencellouse ao grupo Martín Fierro, publicando Alcántara (1925), para converterse logo nun poeta católico, pero de grande calidade. Colaborador en galego da revista <Nós>, autor dalgúns poemas en prosa na nosa lingua, foi sempre un firme defensor do galego, mesmo en momentos moi difíciles, saíndo en defensa de Ramón Piñeiro e da lingua dos seus devanceiros nas páxinas do influínte <La Nación>, o que causou moito escándalo, e réplicas, en Madrid. Entre nós estudou a súa figura Luis Martul Tobío. Así comeza Bernárdez o seu discurso: “Permitide que sexa eu (arxentino polo nascimento, mais galego polo nobre sangue) un dos encarregados de lembrar esta tarde o longo curso e o constante prodixio da língoa que fala o pobo que ten a honra de custodiar a sepultura do Apóstolo Sant-Iago”. É a lingua, para Bernárdez, o noso sinal máis sobranceiro, a que encarna o “feito indiscutible da nosa personalidade total”.

José González Carbalho
José González Carbalho

José González Carbalho (1900-1958) foi o autor do primeiro libro de poemas a Rosalía en 1954, Libro de canciones para Rosalía, de gran calidade estética. A súa carreira como poeta empezara en 1922 con Campanas en la tarde e rematou co póstumo El río que no vuelve (1959). Era, tamén, de pais galegos. Con Eduardo Jorge Bosco (1913-1943), Bernárdez, Arturo Capdevila (1899-1967), Víctor Luis Molinari (1904-1980), Alfredo R. Bufano (1895-1950) e Julieta Gómez Paz, forma parte do grupo de escritores arxentinos máis unidos a Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *