A erótica das rochas

jose lires 1Jose Lires. Veño de ler unha nova no xornal “La Voz de Galicia” desas que fan desentumecer os músculos faciais: “Un joven se queda atrapado en una vagina de mármol”. Entre a estupefacción e as bágoas xurdidas tras unha afirmación máis da estupidez humana, lémbrome daquela clase na Facultade de Xeoloxía onde nos descubriron os “dobramentos fálicos” (aquí córtome un pouco en escribir o sinónimo, máis de uso común, que utilizabamos daquela). A Natureza ten ás veces o capricho de reproducir no seu mundo mineral, morfoloxías propias do mundo animado. No caso das dobras, as forzas tectónicas xogan coas rochas, como fan os escultores, e defórmanas ata construír imaxes recoñecibles polas mentes inquedas. Por outra parte, exemplos de esculturas naturais froito principalmente da erosión caprichosa das nosas rochas graníticas, hainos a moreas: xigantes de pedra, marmitas de xigante… Camiñen polos montes da Galiza e deixen voar a imaxinación coas formas pétreas! Pero con sentidiño, claro está. Non intenten bicar, con paixón desenfreada, ao Xigante da Mina no Monte Pindo por moi macizo que o perciban.

jose lires 2Volvendo á nova, o que non me queda nada claro, e sería unha desculpa honrosa para o libidinoso estudante, é se nas inmediacións da obra “Chacán” de Fernando de la Jara, aparecía un indicativo de “escultura interactiva” que invitase a penetrar no interior na mesma coa promesa de descubrir ese enigmático punto anatómico das guías especializadas. Fico coa dúbida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *