O fondo no espello, segundo Ignacio Castro

ignacio castro la depresiónGonzalo Trasbach. Ignacio Castro Rey é filósofo, crítico de arte, da cultura e das institucións políticas. Ocasionalmente exerce tamén de xestor cultural. Ademais de múltiples artigos e conferencias, publicou diversos libros. O último deles, Sociedade e barbarie (Barcelona, 2012), unha crítica da regresión implícita no pensamento de Marx. Anteriormente publicou, entre outros, Votos de riqueza (Madrid, 2007), Roxe de Sebes (Fundación Luís Seoane, A Coruña, 2011) e A depresión informativa do suxeito (Bos Aires, 2011). Desenvolve o seu labor filosófico nunha soa variante con dúas caras. Dun lado, no bordo do que poderíamos considerar a tolerancia ilustrada, unha afirmación metafísica da inmediata vida mortal, sen posíbel representación histórica. E doutro, unha crítica da violencia do poder contemporáneo, estas novas modalidades do odio ao real e da caza do home nas que converxe a maioría da nosa cultura democrática. Aínda que reside e traballa en Madrid non perde ocasión para volver a Compostela e outros lares. Convén engadir que, ademais de Roxe de Sebes, publicou na nosa lingua Alén da fenda, Diario de verán de San Petersburgo e Formas da indifinición, este en Axouxere, o pequeno selo rianxeiro, un dos moitos eidos que o xonguen coa nosa comarca, á que se achega con frecuencia para facer rotas pola montaña, travesías pola ría ou para conversar cos amigos.

ignacio castro sociedad e barbarieNa visita que nos fixo a pasada fin de semana, falamos de case todo. Reflectimos aquí parte da  amena conversa que mantivemos. Diante da pregunta sobre as súas asiduas visitas á nosa e outras rías galegas, deunos unha resposta ben sorprendente: <Toda xeografía, tamén todo ser, é unha costa. Lugar, ser humano, animal ou planta, cada ser é unha costa que marca ambiguamente uns límites. Se un non conclúe, como diría o pensador coreano Han, tampouco se abre, nin se relaciona cun exterior descoñecido. No obstante, toda a nosa cultura mantén un serio problema coa limitación, é dicir, co afora. Así pois, temos un permanente conflito co indefinido, un fondo sombrío que é o eixe de cada nación, cada cultura, cada curruncho da xeografía terrestre>.

Pero aínda que poda semellar xeral e abstracta, puntualizou esta, sen dúbida novidosa, teoría descendendo ás augas da nosa ría: <Veredes, as rías galegas, dende logo a de Arousa, son unha permanente lección de como se pode manter unha relación co fondo rochoso que nos enriqueza e se converta en superficie. Fondo mariño, ondas, area, portos. Fulgores do ceo, combinación de rochas, piñeiros, praias. Alianza de abrigo e aventura, de verde e azul, de ondada, vento e humor. Non me estraña que a xente galega dedicada ao mar manteña unha particular coraxe en todo o que sexa humano. Coraxe e ondaxe. De feito, á volta dun paseo polas augas que rodean Boiro, aínda que sexa case un percorrido turístico, toda a nosa mitoloxía da historia e do social resulta escandalosamente relativizada. Imaxino a egrexios pensadores de Europa, de Heidegger a Braudillard, e literatos coma Handke e Berger, fascinados por esta obriga de precisión e dozura que agroma do agreste. É mesmo posíbel que a potencia de dous países tan distintos como Alemaña e Rusia, nesta Europa tan durmida, proveña desa relación coa exterioridade>.

Ignacio Castro. Foto: El País
Ignacio Castro. Foto: El País

Un bo viño e uns aperitivos sazonan unha conversa que de súpeto derivou cara á situación política xerada logo das eleccións europeas. No eido estatal, coa sorprendente irrupción de Podemos, gañador moral dos comicios, e co indiscutíbel ascenso dos populismos de extrema dereita no terreo europeo. A postura de Castro poderíamos resumila deste xeito: <O déficit da Europa actual está en relación cos pobos, coa rúa, coa xente de a pé. Ás veces parece que a macroeconomía, e súa linguaxe esotérica, substituíu o peor aspecto do poder superestrutural e abstracto das relixións de antano. Neste panorama, que se volve cruento en época de vacas fracas, é normal que a xente abandone en moitos sitios a fixeza das vellas ideoloxías e se aventure con quen promete unha firmeza que veña de abaixo. Supoño que o éxito de partidos descoñecidos ata onte en Grecia ou Inglaterra, en Italia ou España, provén desa necesidade de volver a outro xeito menos escénico de facer política. O caso de Suíza, Holanda e Francia debería facer reflexionar a esquerda. É hora de que os líderes que se din progresistas baixen de cando en vez do coche oficial e pisen algún día a lama da rúa. Todo o que sexa deixar o populismo á extrema dereita pode carrexar consecuencias catastróficas>.

Xirou logo a discusión cara a Rusia e Ucraína. Trala publicación de Paixóns bolsistas e Russian green, dous artigos nos que explicaba a súa postura respecto do conflito, Castro foi un dos convidados pola embaixada rusa en Madrid para participar nunha xuntanza na que se deu conta  da estratexia rusa en Crimea e Donetsk. A cita foi duramente criticada nun artigo que, co título de Escena en una embajada rusa, publicou El País, firmado polo seu director adxunto Lluís Bassets, quen acusaba aos asistentes de renderse xa antes de que os anfitrións abrirán a boca. Que pasou alí?

ignacio castro formas de indefinición<Pasou que a elite que nos goberna, como se viu no caso do Prestige na actual crise, só sabe sobrevoar os problemas reais, sen perder de vista o condutismo da axenda informativa. Noutras palabras, os nosos líderes nunca se apean do ambiente climatizado no que están recluídos. Ninguén do seu equipo esquece a endogamia informativa, prima irmá dos seus propios privilexios, para escoitar os signos que veñen por fóra, do que se achega. No caso de Ucraína semella que ocorreu o mesmo: ninguén se molestou en mirar con detemento o mapa actual e repasar con detalle a historia recente. Isto é normal na administración USA “e nos seus aliados”, ao fin e ao cabo contemplan o mundo dende a puritana distancia que os caracteriza. Que Alemaña e Francia teñan feito o mesmo, e se deixaran azorrar, é imperdoábel. Alguén cos pés na terra debeu avisar a Merkel do que se aveciñaba, do que era a Ucraína real. Ao parecer, como ocorre en España, todos os asesores se limitaron a ler os informes das axencias de prensa, maioritariamente “globais”. Derrubamos pola forza un goberno democraticamente elixido. E todo porque firmou un tratado comercial con Rusia que tampouco supoñía a fin do mundo. Pero teríamos que saber que Rusia, cun avespeiro axitado por nós nas súas fronteiras, non podía quedar quieta. Agora toca amañar o problema e ver a crúa realidade cando xa correu o sangue e o ambiente está enrabechado, bastante envilecido.

ignacio castro votos de riquezaNa súa parte final o debate xirou arredor de se aínda hai, nesta época na que a servidume gregaria semella tapar o horizonte, un espazo, unha tarefa para a filosofía, a arte, a literatura, e neste senso respondeu: <A poesía e a literatura, a filosofía, a arte en xeral, todo o que non é un sinxelo reflexo da circulación social de signos e mercadorías, non vai deterse, por moito que os mandaríns da comunicación o queiran. Isto é debido, sinxelamente, a que o real, a violencia da exterioridade, non vai parar. As cousas pesan, a lei da gravidade segue actuando: que é unha idea, unha relación humana, que non pasa o exame da gravidade? Por moito que a nosa civilización se empeñe en pechar un interior climatizado, a tarefa é patética e imposíbel. É o mundo mesmo o que se opón á mundialización. A existencia non vai deixar de reaparecer por fóra, extra muros da nosa burbulla climatizada. Fechándonos nunha urbanización que ignore o real, só conseguiremos que o seu ser “mortal” algún día volva como “letal”. Non sería un pouco máis sabio, e máis saudábel, retornar a unha cultura dos sentidos?

ignacio castro novaNa última cuestión buscamos que o filósofo compostelán nos adiantase algún aspecto do seu vindeiro libro, do que só sabíamos que ía ser misterioso e labiríntico: <O libro, que debería estar rematado a finais de agosto, é efectivamente labiríntico porque se ocupa da simplicidade, o que significa ser, respirar ou estar aí. Digamos, o labirinto da recta, un tipo de experiencia do sentido no cal non podemos menosprezar nada da nosa bagaxe do pasado, sexa canónica ou herética, relixiosa ou laica. Estoume ocupando dunha investigación que abrangue todos os meus traballos anteriores, un tipo de afirmación, como fai a costa fronte á profundidade mariña, que á nosa cultura nihilista lle custa moito. É por isto que a sinxeleza do actual libro faime suar moito. Pois, certamente, preferimos mellor unha nada segura de interiores antes que unha afirmación incerta do exterior>.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *