Antón Riveiro Coello. Ultimamente non saio de México. Hai uns días falaba de películas que, con notable acerto, abordan o tema da violencia derivada do crime organizado no interior do país mexicano. Tal era o caso de El infierno, de Luis Estrada ou Heli, de Amat Escalante. Mesmo unha recomendación do amigo David Pérez Iglesias levoume ao documental El sicario. Room 164, do italiano Gianfranco Rosi, que recolle o relato terrorífico dun membro do cártel do narcotráfico de Ciudad Juárez. Hoxe traio aquí a película La jaula de oro, dirixida por Diego Quemada-Díez e premiada en numerosos festivais pola frescura dunha proposta ben interesante que volve de novo á violencia, mais desta volta a unha violencia nova como a que se exerce sobre os que intentan pasar o muro dos Estados Unidos na procura dun soño que, para moitos, pode virar en pesadelo.
Os protagonistas son tres mozos guatemaltecos e mais un indíxena tzotzil, que non fala español e que se suma a esta viaxe dura e perigosa, as máis das veces, empoleirados no teito de trens de carga. Pouco a pouco, con diálogos curtos de difícil comprensión para ouvidos non aguzados, os rapaces van descubrindo o amor, a solidariedade e os vínculos amigables que tece o medo. A película vainos mostrando as diferentes etapas da viaxe baixo o prisma inocente dos rapaces que, unha e outra vez, son enganados e ven como a súa ilusión se pon a proba.
É moi de salientar que, ao igual que na película de Heli, o director bote man de actores non profesionais, mesmo de futuros inmigrantes que a produtora vai atopando polos lugares onde se fai a rodaxe. É certo que iso se percibe dun xeito claro nalgunhas interpretacións, pero tampouco o vexo como unha eiva porque esa tímida e engoumada espontaneidade expresa dalgunha maneira a verdade tráxica dos feitos narrados por uns protagonistas abocados á desesperanza.
Como curiosidade, na película aparece o padre Alejandro Solalindo, ao fronte do albergue Hermanos en el camino, un secundario que se interpreta a si mesmo, exhibindo un labor solidario que tantas ameazas de morte lle ten traído por apoiar os soños desta xente que quere emigrar aos Estados Unidos.
Para ser a primeira película do director, non está nada mal. Cine realista, comprometido, de denuncia das fronteiras e da corrupción en esferas cotiás, que acariña con sutileza os valores da lealdade, o amor e a solidariedade. E o máis importante de todo, consegue atraparnos para facer a viaxe subidos neses trens de carga que nos levan cara a outro tipo de gaiola de ouro que apreixará os nosos soños para sempre.
Coido que o éxito internacional obtido por este filme, apoiará un futuro máis que prometedor. Por iso, seguiremos atentos á carreira de Diego Quemada-Díez.