Solsticio de verán

solsticioMaría Xesús Blanco. Neste tempo o mar ole a fogueiras e a flores silvestres. A estalotes vermellos e a rosas nadas nas beiras dos camiños. Porque é tempo de lavar a pel, de deixar atrás os temporais e o nordés de mal agoiro. O vento do sur espanta os nimbos salvaxes e a lanterna do solsticio anega de luz esta paisaxe de buguinas que veneramos como unha deusa grega. Porque neste territorio só habita o movemento da auga salgada tentando unha e outra vez peitear o dourado silencio. Tentando borrar as pegadas do inverno como se fosen enrugas de serpe que invaden unha praia que non lles pertence.

E axiña o balbordo das risas e dos murmurios nas toallas anegará o espazo capturado. Quizais o rumor lene dun beixo se acoche nas rochas máis afastadas. Ou as voces dos bárbaros bulan debaixo dos pés ata facer sangue na pel áurea.

Talvez por iso devecemos por sentir no interior dos nosos ouvidos o son do océano espido latexando como o fai a cada instante nos poros das rochas e nos recantos das cunchas deitadas á intemperie. E por contemplar a luz da tarde como se alonga, como conxura este instante pousado na paisaxe ata ser vencidos polo silencio. Talvez porque no horizonte do solsticio medra a ilusión dun novo inicio, dunha pel que ole a flores salgadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *