Os caloteiros, de Jim Thompson

os caloteirosCarlos Mosteiro. Non son un rendido admirador do xénero negro. Tampouco teño contra el ningún prexuízo. Quizais o que menos aprecio é esa sensación de cartas marcadas, de imposibilidade de sorpresa. As regras que o autor debe seguir constriñen en exceso, limitan o terreo de xogo por onde deambular. Antes de empezar o lector xa sabe demasiadas cousas, e sinte que anda por camiños xa transitados outras veces, a impresión de déjà vu, a seguridade de que aquí xa estiven. Ben. Pois nada disto vai con Jim Thompson (Oklahoma 1906-California, 1977). Este autor estadounidense é sen dubida un escritor de novela negra. Segue e obedece normas do xénero, xoga no terreo que  lle asignan, pero a súa grandeza está en que consegue transcendelo, singularizalo,  a través dunha mirada que non espera grandes cousas da condición humana, pero coa que é quen de diseccionar (e humanizar) uns personaxes que camiñan case sempre sobre o fío da navalla e que rematan por caer sempre do lado equivocado. Maquetación 1E todo cociñado con ese humor corrosivo, que che deixa un sabor amargo no medio do sorriso, unha tristeza, a certeza tráxica de que para certa fauna humana é imposible toda elevación, que están condenados a andar sempre polo chan. Por certo, un xeito de vida á que non foi alleo o propio autor, que viviu sempre coma os seus personaxes, no gume, nesa estreita e perigosa franxa do camiño que transcorre paralela ao precipicio. Alcohólico ata o final e cunha vida persoal complexa, só tivo a satisfacción final de ver como caían por fin as reticencias da crítica que tivo que renderse e elevalo ás inmediacións da primeira fila, dende a segunda división na que o tiveran instalado.

Cheguei a Thompson con 1280 almas en castelán, en edición de peto, antes de que aparecera en galego POB. 1280. Seguín con O asasino que hai en min. E hai uns días rematei Os caloteiros, a terceira das novelas de Thompson traducida ao galego por Rinoceronte e con tradución de Eva Almazán. Roy Dillon é un caloteiro polo miúdo sen demasiadas ganas de agrandar o seu negocio e pasar ao calote a grande escala. Atópase relativamente cómodo entre dous personaxes femininos poderosos e antagónicos: a súa moza Moira Langtry (que turra por el cara ao calote a grande escala), e a súa nai cínica e desnaturalizada.jim-thompson Os que procuren aquí unha novela negra simple para lectores débiles, ou sexa un libriño para levar a praia, confúndense. Sen abandonar os elementos clásicos do xénero, hai aquí unha fondura na análise dos personaxes, unha disposición da narración que transcende o thriller e o achega á traxedia. Aconséllovos, se non fixestes xa, que vos acheguedes a este autor. Se gustades do xénero negro, non vos defraudará; se non gustades, aquí hai unha novela negra, si, pero hai moito máis que iso. Lanzádevos sen medo á piscina, asegúrovos que hai auga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *