Isabel Rego: A metáfora das pegadas

isabel rego
A imaxe fotográfica non é representación, é ficción -Jean Baudrillard

Eme Cartea. Considérase a fotografía como a imaxe obxectivada da realidade. Pero a máquina non exime do compromiso de dicir esteticamente. Nin mesmo é necesaria. A máquina é o medio que capta un instante fugaz para dotalo de significación. É o telescopio que descubre novos universos onde o que importa son os universos.

Como arte, a fotografía móvese entre o amor e o rexeitamento á pintura. Dende a corrente academicista á purista da Nova obxectividade, pasando pola pictorialista da Nova visión. A «straight photography» do Grupo f/64, sen retoques, fronte á impresionista na que un autor artista escolle tema, selecciona, encadra, e interpreta unha realidade desenfocada, floue, filtrada, con xogos de luces e sombras. Pensemos nos raiogramas de Man Ray ou na goma bicromatada de Robert Demachy.

Isabel Rego vai pór a súa liberdade creativa ao servizo das formas artísticas. Dicir e dicilo con orixinalidade, a fin de transmitir, emocionar e ganar a complicidade do receptor. Fotografía conceptual que di máis do que aparenta como ben amosou Antonioni en Blow Up. Narrativa como pretexto e relato interior.

Dúas instantáneas, unha fotosecuencia narrativa: un nexo (as pegadas) cun gran poder evocativo, silencios nas marxes e intriga, que invita á reflexión intuitiva. Materialización de dous intres fugaces máis alá da pura obxectividade mimética. Nunha as pegadas de bóvido; na outra, instrumento e executor: machada con home. Dous espazos: un humanizado e o outro non. Dous tempos: un en presente, o outro en futuro. Dúas dimensións: unha de supervivencia, a outra de depredación.

Isabel Rego sente a nostalxia das formas que sabe captar con precisión selectiva, ao xeito de G. B. Shaw: «Non esperes o momento oportuno: créao». Fotografía como experiencia máis ca experimento, pois non só revela senón que tamén crea. Disparar é cuestión de azar mais tamén de expectativa emocional e razoada. Moverse a impulsos da inspiración e da intriga, propicios a encontrar, pois que o acto de buscar é xa creativo (Moholy-Nagy).

Isabel opera dende a pulsión creativa, espida de desamparo e inminencia. Creatividade como conflito inconsciente, como derivación sexual, infantil, sublimada (Freud), como redución desa tensión. Creación como reminiscencia educativa, familiar, espacial, sensitiva. Tamén como ideoloxía capaz de cancelar vellas formas e usos, e transformalos en vehículos de indagación e reflexión que invitan ao equilibrio e preservación ambiental.

Angulación en picado. Plano detalle ao nesgo e, así mesmo, simbólico que nos suxire un discurso específico. A ollada da artista filósofa que ve e se ve, e busca respostas? A foto por amor ao modelo e á luz, como guía que positivase o que de negativo impresiona a nosa curtametraxe vital.

Un traballo en branco e negro: a cor curativa dos soños.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *