María Xesús Blanco. No tengo miedo (Editorial Anagrama 2011) é un dos libros máis celebrados do escritor italiano Niccoló Ammaniti (Roma, 1966). Na coidada tradución de Juan Manuel Salmerón, a novela narra unha historia, ambientada nunha aldea imaxinaria do sur de Italia a finais dos anos setenta, dende a perspectiva dun neno de nove anos chamado Michele Amitrano.
É verán e vai moita calor. E mentres os adultos agardan dentro das casas a caída do sol os nenos percorren coas súas bicicletas os trigais e os campos da contorna. Nunha desas saídas o narrador, e protagonista da novela, coñece un personaxe que cambiará a súa vida ao facelo cómplice dun segredo tan poderoso como inesperado que non será quen de contarlle a ninguén.
O lector asiste a unha trama inquietante ambientada nunha atmosfera dominada por grandes contrastes como son a luz feroz do sol e a escuridade cálida da noite. A un relato cunha prosa clara e directa que latexa a un ritmo vivo e no que o escritor é capaz de dosificar os tempos e a información dun xeito magnífico. Asiste a unha historia que o mergulla no mundo da infancia, na súa linguaxe, nos seus códigos e segredos, e nas súas fantasías para enfrontarse aos medos imaxinarios, e aos monstros da vida real, acotando ese instante no que todos deixamos de ser nenos dunha maneira irremediábel e ás veces traumática. E ao mesmo tempo revélase diante dos seus ollos o mundo dos adultos nun amplo abano de personaxes que exercen como representantes dunha variedade de situacións complexas e reais, ás veces cómicas e outras dramáticas, onde sobresae a mesquindade e a ruindade moral dunha sociedade que pode ser extrapolable a calquera outro lugar.
Estamos diante dun conto contemporáneo, dunha novela na que cómpre salientar a habelencia do autor no xeito de contar ao ser quen de acadar a atención do lector dende a primeira liña ata levalo a un desenlace sorprendente e de grande impacto.