Unha novela redonda

la-casa-redondaAntón Riveiro Coello. Hai novelas que te cambian e, por veces, mesmo te deixan sen alento durante días. Hai máis dun mes que rematei The Round House (La casa redonda, Nuevos Tiempos, Siruela, 352 páx.), e segue aí, nun proceso de difícil dixestión, e non só porque trate dos estragos que unha violación produce nunha familia, como é o caso, senón porque esta novela te sitúa de tal maneira no centro do trauma que non es quen de te liberar das súas gadoupas en ningún momento. Ese poder que a novela exerceu sobre min como lector e como ser humano radica en todo o que se di, pero tamén, en todo o que se cala, en todos eses silencios elocuentes que a autora provoca a mantenta. É a primeira novela que leo de Louise Erdrich, descendiente da tribu india ojibwe, e fíxeno un pouco levado polo prestixio dun premio como o National Book Award. É certamente había tempo que un libro non me afectaba tanto. É unha novela coral na que os personaxes están tecidos con finas texturas psicolóxicas, pero o maior mérito que eu lle vexo a esta a novela radica na dificultade de se pór na voz dun rapaz de trece anos, chamado Joe, que nos achega a dureza dos feitos cun ton entre inocente e amable, algo que fai aínda máis crible esa traxedia lenta que se nos narra e que se esponxa pouco a pouco na nosa conciencia. Non descubro moito da trama se digo que estamos no ano 1988 nunha reserva Ojibwe e Joe vive cos seus pais, Bazil, que é xuíz, e Geraldine, que é administradora tribal. Unha familia aparentemente feliz que verá mudar as súas vidas un domingo calquera, logo de que Geraldine sexa vítima dunha violación. LouiseA partir desta agresión terrible que acontece nas primeiras páxinas, os personaxes xorden magníficos deses seus mundos soterrados e agroman temas tan interesantes como a procura de xustiza, a covardía, a dor como aprendizaxe para nos facer adultos, os prexuízos racistas, as tradicións indias e os atrancos da súa lei tribal, os conflitos entre as reservas indias e o mundo americano branco, a culpa… E todo afrontado cun lirismo suave que expresa esa violencia calada, intuída, por veces arrepiante, que non só afectará a todos os personaxes da novela senón tamén a todos os lectores que ficaremos atrapados para sempre no cuarto escuro desta casa redonda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *