Maqroll 1. (Tras o ronsel do gavieiro)

Maqroll 1Agustín Agra. Unha confesión pouco novidosa, coido que en nada allea á que moitos de vós poderiades facer, sería afirmar que unha sensación que adoita acompañarme acotío é a de chegar tarde. Procurarei explicarme: en cantas ocasións ten que producirse o pasamento dunha autora ou dun autor –o colombiano Álvaro Mutis neste particular caso– para, a través da súa nota necrolóxica, descubrir a súa obra?Unha compañeira de traballo recomendoumo de xeito encarecido hai máis dunha década –mais eu fixen oídos xordos ao seu consello–; máis tarde visitou estas terras e deixounos para o recordo unha foto no Cumio da Curota –mágoa, tampouco asistín a aquel encontro–. 

Foto: Simón Balvís
Foto: Simón Balvís

Pero non foi ata agora que dei en remontar o imaxinario Xurandó na compaña de Maqroll –alteridade posible do lector ou lectora– para comezar unha viaxe (narrada cunha prosa tan exquisita que só provoca en min o desexo de non volver a encetar na vida unha liña propia) que non conducía río arriba –equivocado eu unha vez máis– senón cara o interior de cada un de nós. Si, supoño que desta volta cheguei tamén tarde. Son, a ben seguro, un dos últimos barbantios en acadar os fecundos territorios de Maqroll o gaviero. Pouco importa; se tardei case tres milenios en bater cos hexámetros da Ilíada, ben podo considerarme afortunado por ter arribado a este porto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *