Mortalidade, de Christopher Hitchens

Mortalidade
Mortalidade

X. Ricardo Losada. O día que soubo que tiña un cancro de esófago, C. Hitchens estaba en plena campaña de promoción do seu último libro. Tomou unha decisión: seguir coas presentacións e non perder a oportunidade de vender libros. Semanas despois, preocupado por se un ateo e crítico recalcitrante das relixións coma el, acababa pedindo un sacerdote, deixou constancia escrita de que, se chegaba a humillarse a si mesmo dese xeito, xa non sería “eu”. Así, non lle estrañou ler en varias páxinas webs de fieis que ese cancro de garganta era a vinganza de Deus por ter usado a voz para blasfemar. Mesmo lle prognosticaban que “se retorcería de agonía e dor, ata ter unha morte horrible”.

     O mellor que se pode dicir dun libro de C. Hitchens é que consegue plenamente o obxectivo que el mesmo se marca como escritor: que o lector sinta que se dirixe a el persoalmente. Hitchens escribe como fala e o lector sente que conversa con el unha persoa decente pero polémica, irónica pero profunda, sincera pero empática. Máis que un escritor que exerce unha liberdade intelixente, un escritor que exerce unha intelixencia libre. É desas persoas que, mesmo cando non coincides con el, o escoitas con atención porque respecta a túa intelixencia e a súa integridade. Escribe cunha claridade e precisión conceptuais extraordinarias, e consegue, como Borges, pero sen ambigüidade, que intúas que detrás dunha frase límpida de quince palabras hai centos de lecturas e, o máis importante, centos de rigorosas reflexións persoais. Algo parecido a ler esa Apoloxía de Platón que el mesmo cita neste libro como un exemplo de sabedoría e amizade.

     Hitchens tiña 61 anos cando soubo que tiña cancro, e morreu ano e medio despois. Mortalidade é o relato reflexivo deses meses. Como recibiu a noticia; que decisións tomou; como se enfrontou aos diferentes tratamentos, moitos de última xeración; o difícil que foi relacionarse co entorno; qué supuxo perder a voz para unha persoa cuxa máxima aspiración era a liberdade de palabra; a relación terapéutica entre dor e tortura; o papel da relixión. Todo tratado con ese consello que o propio Hitchens se dá a si mesmo e que aplica cunha solvencia inigualable: non ser autocompasivo nin egocéntrico. Léase, como cifra do conxunto, ese capítulo no que reflexiona sobre a frase de Nietzsche “O que non me mata, faime máis forte”. Vinte páxinas á altura de Montaigne, outro exemplo de sabedoría e amizade que, non por casualidade, Hitchens cita neste libro de intensa e contida humanidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *