Ida, de Pawel Pawlikowski

idaAntón Riveiro Coello. Son poucos os que, cando revisan a historia dolorosa dun país, atopan o punto exacto de distancia para amosar unha ollada non contaminada polo odio e o rancor nin por liñas claras de quen son os verdugos ou as vítimas. Pawel Pawlikowski foi quen de o conseguir con esta fermosísima película que se somerxe “sen didactimos nin ira” nunha Polonia do ano 1962. Cunha visión limpa das feridas máis notables do seu país, regálanos un conto protagonizado por unha novicia a piques de profesar os seus votos. Ida, que é como se chama a moza, terá que vivir uns días co seu único parente que lle queda despois da invasión nazi: Wanda (Agata Kulesza), unha xuíza implacable cos inimigos do réxime, que agacha, coma un tesouro escuro, os segredos da propia Ida. As dúas, tía e sobriña, inician unha viaxe ao fondo da súa propia alma.

ida 2Filmada en branco e negro, cun formato cadrado coma o do cine mudo, o director exhibe tal dominio da técnica e da ambientación que é doado sentirse engaiolados dende a primeira secuencia. A fotografía é espectacular. Cada fotograma unha obra de arte. A espiritualidade que desprende a protagonista é enorme e todos os temas importantes están presentes en longos e clarividentes silencios, como o peso da relixión católica, o antisemitismo polaco, ás veces tan brutal como o dos propios nazis, a identidade, os vínculos das familias ou a fe. Personaxes solitarios, fríos, ascéticos, que nos murmuran con sobriedade a súa historia e, como sen querelo, sintetizan o drama duns temas universais extrapolables a calquera conflito e calquera época.

ida3En fin, o director resolve, case coa mesma altura coa que Tarkovsky resolveu o seu Andrei Rublev (1966), un tema controvertido, e faino cunha síntese formal perfecta e refinada. Por iso, a película gañou os festivais de Xixón, Londres, Toronto e Varsovia e, por suposto, a miña admiración.

Un comentario en “Ida, de Pawel Pawlikowski

  1. Tamén gañou a miña admiración. Plena coincidencia co que dis. Non sei por que, a min recordoume a extraordinaria “Remordimiento” de Ernest Lubitsch, que vin hai moitos anos e terei que volver a ver.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *