Bailar sentado

ida3X. Ricardo Losada. Na película homónima, Ida é unha novicia orfa que pasou toda a vida nun convento. Antes de converterse en monxa, como proba da firmeza da súa fe, a madre superiora dille que pase unha temporada con Wanda, unha tía da que nunca oíra falar. Wanda, que loitou contra o nazismo, leva unha vida licenciosa para soportar o réxime comunista polaco co que colabora. Revélalle a Ida que é xudía e que os pais foron asasinados polos veciños durante a II Guerra Mundial para quedar cos bens, e acompáñaa ao seu pobo natal. Alí conseguen que o asasino lles revele o lugar onde foron enterrados, desentérranos, e entérranos nun cemiterio xudeu. Ao mesmo tempo, Ida coñece un mozo saxofonista, e acaba facendo o amor con el. Ao día seguinte, o mozo proponlle que o acompañe a unha cidade da costa. Coñecerás o mar e daremos paseos pola praia, dille. Ela pregúntalle: ¿E despois? Compraremos un can, responde el. ¿E despois?, teima ela. Casaremos e teremos fillos. ¿E despois? O típico, di el, a vida. Ida volve ao convento.

ida saxo     Este último diálogo recordoume outro similar acaecido na Grecia clásica. Un día presentouse Alexandre Magno diante do tonel onde vivía o filósofo cínico Dióxenes para dicirlle que o admiraba moito. Dióxenes, que acababa de ver pasar o exército macedonio, preguntoulle onde ía. Vou conquistar Persia, dixo Alexandre. ¿E despois?, preguntou Dióxenes. Despois conquistarei a India. ¿E despois?, teimou o filósofo. Despois conquistarei o mundo enteiro. ¿E despois? Despois sentarei a descansar. ¿E por que non sentas agora?, concluíu Dióxenes. Comprendín de inmediato por que recordaba esa anécdota. Wanda e o saxofonista vivían, como Alexandre, nunha insatisfacción permanente. As súas vidas parecíanlle a Ida unha derrota demasiado humillante. Necesitaba crer que a morte dos pais tiña algún sentido, iso que os filósofos chaman Causa Suprema e os relixiosos Deus: un lugar no que sentaría algún día cos pais a descansar, sen ter que revisar o pasado ou conquistar o futuro. Puro presente. O convento era a única copia dese lugar que tiña a man.

ida bailando     Desde que vin a película sinto un estraño desacougo. Dóeme terme identificado máis co saxofonista que con Ida, e necesito reconciliarme con ela. Vexo algo fermoso na súa decisión de volver ao convento, e recoñezo que tamén a min me gustaría sentar algún día cos meus saxofonistas e Wandas persoais nunha Causa Suprema. Pero sempre me acabo distanciando dela. Na súa Causa Suprema soarían os temas da banda sonora desta película (Bach, Mozart) apropiados para oír nun convento; na miña, aqueles outros (Love in Portofino, Big Boogie Woogie) que animan a bailar nunha sala de festas unha peza tras outra.

 

Un comentario en “Bailar sentado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *