Inés Otero. Para que serve un museo? Que obxectos debemos gardar nel? E como organizalos? O protagonista desta obra, un mozo especialista en museoloxía, cre coñecer o sentido que se esconde detrás do seu traballo ata que un día se atopa cunha insólita proposición: unha anciá quere organizar un museo no que soamente se exhibirán obxectos recollidos no momento exacto da morte dos veciños da localidade. Malia que intentará cumprir o enigmático encargo, axudado pola filla adoptiva da señora, os receos invadirán a súa cabeza. Conseguirá rematar a inquietante tarefa?
Yoko Ogawa é unha escritora xaponesa moi recoñecida no seu país. As súas novelas sempre esconden un argumento curioso. En Perfume de hielo, Ryoko, unha xornalista, viaxa a Praga para descubrir que motivos levaron a Hiroyuki, o seu mozo, ata o suicidio despois de celebraren un día antes o seu primeiro ano de relación. En La fórmula preferida del profesor, un auténtico fenómeno editorial en Xapón, cóntase a estraña relación entre un matemático –que só conserva a memoria do que lle sucedeu 80 minutos antes– e Root, un neno de 10 anos, fillo da súa asistenta. A trama de La niña que iba en hipopótamo a la escuela, é mellor non revelala. Los tiernos lamentos ou El embarazo de mi hermana son outras obras desta autora que non deixa de acadar premios literarios, amais de consolidar a aposta que fixo aquí por ela Funambulista, un dos pequenos selos editoriais que afrontan a crise económica con textos de calidade.
En El museo del silencio (2014) aparecen –cun estilo sutil e un ton delicado que contratan co comportamento de certos personaxes– os temas máis queridos desta discípula de Kenzaburo Oé: a importancia da memoria, o paso do tempo, a honestidade das intencións e o valor da beleza. Unha aposta segura ante os betseller que sempre nos ameazan por estas datas!