Lembranza de Vaamonde Lores

historia de galicia boRomán Arén. Se hai unha figura simpática pola súa discreción e polo seu labor a prol da lingua é Florencio Vaamonde Lores. Eu proporíao para as letras gralegas. Agás o teatro, cultivou todos os xéneros literarios: a poesía, a historia, a narrativa, a tradución e o ensaio. E con non poucos méritos nalgúns deles: bo poeta épico en Os calaicos (1894), no ronsel de Camoes e de Pondal: interesante poeta lírico en Mágoas (1901) e Follas ao vento (1919). Xerais reeditouno na súa Biblioteca das Letras Galegas. Poeta reflexivo, clasicista, escribe un dos galegos máis limpos e claros no cambio de século. Carballo Calero poñíalle o defecto da falta de forza, e é verdade, é un poeta para a idade madura, non para o sangue ardente da mocidade. Fóra da reedición moderna quedou a súa poesía satírica, non carente de mérito.

florencio calaicosPero Vaamonde, que foi un dos corenta académicos fundadores da RAG, foi un dos grandes pioneiros da historia da tradución en Galicia co seu volume Odas de Anacreonte (1898), reeditada nos oitenta por Edicións do Castro. Tradución elegante, limpa de dicción e chea de dignidade. Non foi o seu único labor tradutor, pois puxo en galego a Horacio e Alfred de Musset.

Como narrador publicou Bestas bravas e Anxélica, dúas novelas curtas ben escritas, pero que necesitaban máis espazo para desenvolverse.

Outro dos labores de don Florencio foi o seu traballo divulgador, en glaego e no século XIX, da nosa historia. Agora, máis ou menos agora, Edicións do Cerne reedita en facsímile o seu Resume da Historia de Galicia, que na capa leva a data de 1898, pero que se rematou de imprentar en 1899. O editor foi Uxío Carré Aldao, o pai dos estudos literarios galegos. É un resumo moi resumo, vertixinoso dicía Carballo. Segue a un dos nosos pais fundadores, como diría Villares, da nación, Manuel Murguía. Pero o mérito principal da obriña é que dá un interesante resumo da Historia da literatura galega no “libro cuarto”, que o converte no pioneiro absoluto da historiografía literaria en galego. O curioso é que as “notas” ocupan máis páxinas que a propia historia, que para a literatura galega son unha verdadeira antoloxía. florencio_vaamonde_loresNon falla nada do esencial. Aínda hai máis: ao final ofrece o guión dun “Dicionario de autores gallegos” que ía publicar, no que inclúe todo aquel que escribiu algo en galego nesa altura. Coñece ben o que se publicou sobre as nosas letras e xulga con acerto os nosos clásicos.

Non é a única obra de Vaamonde que Cerne reedita, pois tamén saíu do prelo a súa obra Historia de Betanzos. Sóbranlle méritos a Vaamonde para que o lembremos nas Letras Galegas, contamos xa con reedicións e estudos actuais da súa obra. Sería un acto de xustiza para facer máis coñecida a obra literaria deste servidor de Galiza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *