Matanza en Gaza

palestinaGonzalo Trasbach. A ofensiva israelita contra Gaza, iniciada o 8 de xullo, aérea e despois terrestre, ten provocado a morte de máis de dúas mil persoas. Con todo, é pouco probábel que os cercados claudiquen. Toda a historia deste territorio, onde naceron os principais cadros dirixentes de Fatah, confirma a sólida tradición de resistencia dunha poboación que non se resignou endexamais á desaparición de Palestina logo do acontecido en 1948. O ataque desencadeado por parte do Goberno de Israel contra un rectángulo de 360 km cadrados, ao que o Estado israelita ten asfixiado cun férreo bloqueo por terra, mar e aire dende o 2006, deixou ata agora un balance terrorífico: máis de 2000 palestinos mortos, entre os que se contabilizan máis de 500 nenos, máis de 10.000 feridos e medio millón de desprazados. Israel perdeu nesta operación uns 70 militares e varios civís. A proporción é escandalosamente desproporcionada. Segundo parece, Hamás lanzou uns 3.400 foguetes, dos cales máis de 600 foron neutralizados polo sistema de defensa e os demais só causaron danos materiais.

Foto: Reuters

Foto: Reuters

Aínda que a escalada arrancou nos primeiros días do verán, cando xa os focos mediáticos e informativos funcionaban a medio gas, os portavoces israelís baseáronse nunha nova e agresiva estratexia discursiva para xustificaren a guerra contra os gazetís e para convenceren a comunidade internacional do seu dereito a defenderse e tamén do seu desexo de acadaren unha paz na que non cren dende os anos do Goberno de Ariel Sharon, quen implantou a filosofía de que a paz so chegaría se a impoñía Israel ao seu xeito: exterminando os palestinos.

Reivindica Israel o dereito a defenderse. Pero este dereito tradúcese en máis de 5.000 casas destruídas, nunha carnicería contra da poboación civil, voadura de escolas e hospitais, mesquitas e locais da ONU. Ademais de esnaquizar todas as colleitas e cultivos dos gazatís, de seguir adiante coa súa política de levantar novos asentamentos en Cisjordania…

Foto: AFP

Foto: AFP

E mentres os seus portavoces manteñen sen pudor a súa campaña mediática, defendendo sen moitas complicacións a matanza e a destrución na prensa, na radio e na televisión, un ten a triste sensación de que aquí, entre nós, case ninguén saíu en defensa dunha poboación humillada e aterrorizada. Non lembro ningún artigo dos considerados primeiras espadas dos medios máis poderosos da nosa comunidade chamando á paralización dunha carnicería absolutamente inxusta, desproporcionada e innecesaria. É máis fácil escribir sobre o caso Puyol, o separatismo catalán ou as escaramuzas políticas de sempre. Neste contexto depresivo, só tiven a pequena alegría de erguerme unha mañá e ver colgada no enreixado do parque da Cachada unha humilde pancarta pedindo a paralización do xenocidio do pobo palestino. Lamentei non ter axudado a colocala, e tamén que a arrincaran hai uns días. Pregunteime a quen lle podía molestar.

Non é unha novidade esta ofensiva. Xa houbo outras. Tantas que cando nos decatamos de que Israel estaba bombardeando Gaza, puxemos cara de interrogación e dixémonos: e que? Isto pasa e á vez non pasa nada. Estas foron as outras matanzas: “Pilar defensivo” (novembro de 2012, 150 mortos), “Plomo fundido” (decembro de 2008-xaneiro de 2009, 450 mortos), “Lluvias del verano” (no verán do 2006, 450 mortos), “Días de penitencia” (setembro do 2004) e “Cinturón defensivo” (abril do 2002, en Cisjordania, 545 mortos) e así dende 1948 cando miles de palestinos foron expulsados das súas terras ou tiveron que se exiliar e cuxos descendentes aínda viven espallados polos países do Oriente Próximo ou en campos de refuxiados.

Foto: AFP

Foto: AFP

E mentres os mortos palestinos apenas merecen un breve nos medios de comunicación occidentais, o exército israelita segue irrompendo polas noites nas casas dos gazetís, os colonos continúan queimando as labranzas e as oliveiras, as escavadoras do exército non paran de derribar vivendas… No entanto, na nosa cabeza repítese unha e outra vez a mesma pregunta: cal é o motivo polo que se desencadeou esta nova ofensiva e cal é o seu obxectivo?

O relato aparecido na prensa occidental apuntaba cara os foguetes de Hamás. Mais isto non semella ser a verdadeira causa. Este relato, elaborado polos portavoces israelitas, pretende agochar os feitos. É a xeira de argumentos que ciscaron nos medios estadounidenses, aos que logo seguiron os guiadiños europeos. Pero non semella que sexan os foguetes, nin o asasinato dos tres mozos israelís en Cisjordania, nin o do adolescente palestino que se produciu máis tarde. Nada disto está verdadeiramente detrás da matanza que aínda se leva a cabo contra da poboación de Gaza. Detrás desta nova barbarie hai unha razón de carácter político: o acordo de conciliación entre os palestinos. A razzia do exército israelita busca romper o compromiso de unidade selado entre Fatah e Hamás, que xerou a formación dun goberno de unidade nacional e o anuncio de eleccións presidencias nun prazo de seis meses.

Foto: AFP

Foto: AFP

A reconciliación con Hamás presentouna Benjamin Netaniahu como o novo e insalvábel atranco para acadar a paz. A mesma estratexia que xa se desenvolvera noutras ocasións, unha e outra vez ata remontarse á mesma fundación do estado de Israel, antes do cal xa existían os palestinos, un pobo que endexamais se resignou, nin se rendeu, nin parece que o vaia facer nesta ocasión, pese a que sabe da superioridade en armamento do seu opresor, un goberno israelita que non estaba disposto a tolerar o afianzamento do goberno de unidade nacional palestino. Por isto resolveu arrasar Gaza.

É esta, ademais, unha boa ocasión para recomendar a lectura do fermoso, emotivo e emocionante libro da escritora e periodista Teresa Aranguren: Palestina. El hilo de la memoria (Caballo de Troya), un repaso, unha crónica, unha narración de sangue, arbitrariedade e desarraigo. Foi unha guía clave para argallar este artigo.

2 comentarios en “Matanza en Gaza

  1. Oportuna e clarexadora denuncia sobre a última agresión sionista contra Gaza.
    Outro libro recomendado: “La limpieza étnica de Palestina”, escrito polo historiador xudeu Ilan Papé. Por tal motivo, é decir, reiteradas ameazas de morte, tivo que fuxir de Israel e exilarse en Inglaterra, onde traballa como profesor na Universidade de Exeter.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>