La belleza y el dolor de la batalla, de Peter Englund

la belleza y el dolor 1Xerardo AgraFoxo. Entre os numerosos libros publicados ou reeditados este ano con motivo da celebración do centenario da Primeira Guerra Mundial, destaca con luz propia –polo seu carácter anovador– esta monumental obra escrita por un membro da Academia Sueca, a mesma que outorga o Premio Nobel de Literatura. Peter Englund doutorouse en Historia pola Universidade de Uppsala e debutou como escritor co libro Poltava (1989), a batalla que marcou o inicio do Imperio Ruso. Dende entón converteuse nun referente nas obras deste xénero, recibiu numerosos premios e os seus libros  foron traducidos  a numerosos idiomas.

En La belleza y el dolor de la batalla  (2011),  reconstrúe, a partir dos testemuños de 20 persoas e diversos documentos (cartas, fotos e diarios), como transcorreron os principais acontecementos daquel conflito xurdido despois do magnicidio de Saraxevo e bautizado polos historiadores como A Gran Guerra. Son as experiencias cotiás destes 20 homes e mulleres –enfermeiras, cirurxiáns, mariñeiros, enxeñeiros, soldados ou  funcionarias– os que nos ofrecen o lado máis humano e dramático dunha contenda que ocasionou 10 millóns de mortos nos campos de batalla e outras tantas vítimas civís durante os catro anos de enfrontamentos. la bellezaE cunhas repercusións políticas tan traumáticas no mapa de Europa –cando era a rexión máis rica e poboada do mundo– que non deixan de xurdir problemas derivados da paz mal arranxada polos vencedores no Pazo de Versalles.

As 763 páxinas de La belleza y el dolor de la batalla, excelentemente editado –con cronoloxías de cada ano do conflito, un preciso dramatis personae e unha coidada bibliografía– semella un fresco conmovedor. Unha obra de vital importancia para comprender, a través deste mosaico de experiencias persoais, que se poden ler como relatos curtos, a intrahistoria da Primeira Guerra Mundial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *