Nos vemos allá arriba, de Pierre Lemaitre

Nos vemos allá arriba_150x230Antón Riveiro Coello. Nos vemos allá arriba, de Pierre Lemaitre (Salamandra, 2014) é unha novela francesa de aventuras protagonizada por dous soldados feridos na primeira guerra mundial, esa Gran Guerra de poder que desatou unha violencia estarrecedora e levou por diante a millóns de persoas. Neste ano do seu centenario chegou ás librarías este libro, despois de se facer co prestixioso premio Goncourt e proporcionarlle un importante éxito internacional a un autor que, até o de agora, apenas era coñecido polas súas novelas de xénero negro e criminal.

Albert Maillard e Éduard Pericourt son os personaxes principais desta novela áxil e entretida, por veces previsible, escrita con alento doutra época e cunha lingua espida, sen ningún tipo de complexidade formal nin alardes de estilo. O primeiro é contable e home tradicional, con moitos medos. O segundo pertence a unha familia rica e ten un aquel bohemio, transgresor, iconoclasta, que contrasta co carácter máis precavido do primeiro. Non obstante, un feito fundamental que acontece durante o combate sanguento provocado polo ambicioso tenente Henri d’Aulnay-Pradelle, establecerá un vínculo definitivo entre os dous e será o motor de toda esta novela que, entre moitas cousas, é a historia dunha amizade e a condena moral da guerra por parte desas persoas que se viron empurradas a loitar sen máis interese que a súa propia supervivencia.

nos vemos 2Non me custa recoñecer que me divertín moito con esta novela, un pouco “peliculeira”, si, pero con excelentes atributos como poden ser a fiadura perfecta da trama, o seu ritmo desenfreado e a caracterización desenfadada duns personaxes ben atractivos. Está claro que a peneira temporal do Goncourt, con obras de autores de máis peso que tamén apañaron o premio -Gracq, Houellebecq, Modiano, Echenoz ou Quignard-, vaille poñer difícil a inmortalidade a esta novela de Pierre Lemaitre. Pero a aqueles aos que non lles preocupe o canon do tempo, deberían aproveitar para ler esta entretidísima novela. Seguro que o pasarán ben.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *