Abalar cadrís

abalar 1Xosé Manuel Lobato. Incansable baile das ondas na superficie do mar, unha esgotadora danza para milenios de adoración e veneración ao seu gran referente, un embruxo pétreo de intensa atracción que emerxe das pedras dos cadrís, namorar e abalar.

Resoar, un abrupto bruar que foxe subitamente dende a profundidade, terror de escuridade inquedo, transformado en harmónica e agradable sensación coral dun espírito que entre estas pedras se converte en único por excepcional.

Imperceptible estrutura física, ausencia corpórea nun alento persistente, o seu espectro posúe capacidade e recursos para ser e non ser, estar e non estar, mais estas pedras de Muxía con identidade de seu, son coñecedoras e tamén necesitadas da marusía sopradora.

Efecto intenso fundamentalmente na preamar, aínda que na baixamar o seu azo espectral non se esvaece e persiste co seu agarimo constante a tan emblemática morada pétrea.

Percepción dunha sensación agradable cando se visita a estas xoias con identidade, por curiosidade tentamos profundar nesa beberaxe mística, que tanto seduce a unha gran maioría.

abalar 2No escudriñar pétreo é posible acadar a profunda sinuosidade, aquí mora un refuxio atordado e brumado pola impetuosidade bravía do aloucado ar en compañía do salgado mar.

Durante a pasada invernía, mar e ar acompañadas dos raios lograron dobregar e conquistar esta zona, o seu poderío bramou con fereza deixando unha desoladora imaxe de destrución, mais este lugar emblemático segue sendo unha referencia única.

Calquera que visite a zona e procure asento pétreo para cavilar, pode visualizar un litoral de gran diversidade, unha presentación exclusiva dende este curruncho que amosa unha costa con personalidade de seu.

Entre pestanexo e pestanexo, aquí calquera pode admirar a liberdade dunhas ondas sen portelos nin fronteiras, a pureza dun ar que sempre sopra sen temor achegando frescor e un feixe de cromático clamor.

Laio dos afogados preto da furna de Buxerán, mariñeiros e piratas engaiolados polos harmónicos cantos da noitebra, sons de namoramento que emerxen dende as profundidades do océano.

Brincadeira de cores, un arco da vella único emerxendo dende o interior dunhas augas que abalan e devalan incansables, sempre con numerosas tonalidades, unha ofrenda tan excelsa e fermosa como diabólica, para o incomparable cabo Vilán.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *