Vai de centenarios I

vai de centenario 1Román Arén. Andan institucións galegas como o Consello da Cultura Galega celebrando fastos como o de “Valle-Inclán traducido” ou o Centenario de Víctor Said Armesto. Ribadeo celebra o centenario do nacemento do erudito Gamallo Fierros. Todo isto está non só ben, senón moi ben. Pero, sempre é bo un pero, a algúns (“radicais”?) pode darlles a impresión de que se está nunha operación de regaleguización de autores de expresión castelá, ignorando a outros autores de expresión maioritariamente galega. Líbrenme os deuses de me pór radical. Non. Pero tampouco cómpre ser acrítico, e non estaría de máis que o noso Consello da Cultura Galega, que respecto, a Real Academia Galega, que creo xusto non destruír por política partidista (pero disentindo), a Universidade de Compostela e a Xunta tivesen algo máis de memoria. Memoria aínda moi precisa neste país noso. Quizais eu ignore algunhas celebracións en os xornais galegos, tan pouco interesados na cultura de noso e crentes nun “bilingüismo harmónico” que deixa un 5% para expresión galega, non desen noticia desas celebracións.

eduardo_moreirasEn 1914 nacía Eduardo Moreiras Collazo, home bo e discreto, bo poeta (pero non excepcional), tradutor, narrador e ensaísta. Prestou, en tempos difíciles, un gran servizo á poesía con Mensajes de Poesía, servizo á poesía galega e á poesía española. Polo seu centenario non estaría de máis unha reedición facsímile (ou haina?) desa revista e a recolleita da súa Poesía completa, onde destacaría O libro dos mortos. Foi candidato para o Día das Letras Galegas hai uns anos, pero anda algo esquecido (agás a reedición de Follas de vagar).

celestinoNo mesmo ano 1914 naceu Celestino Fernández de la Vega, figura importante na historia da tradución en Galicia e autor d’O segredo do humor, un bo ensaio para reler e que debería aparecer en edición comentada. Galaxia xa recolleu a maioría dos seus ensaios dispersos, pero penso que con pouco éxito entre os lectores.

Cúmprese o 150 aniversario do nacemento en 1864 de Salvador Cabeza de León, catedrático da Universidade de Santiago, figura rexionalista destacada, membro do Seminario de Estudos Galegos e da RAG, historiador da súa alma máter, ensaísta e poeta. Sería bo reunir os seus ensaios galegos para facelos accesibles.

Tamén en 1864 nacía o noiés Eladio Oviedo Arce, arquiveiro e historiador, discípulo de López Ferrreiro, colaborador de Galicia Histórica e que dedicou os seus esforzos eruditos a Martín Codax, as Sete Partidas de Afonxo X, os gremios medievais e a prehistoria.

aurelio-ribalta-2Os nacidos en 1860-1869 foron fundamentais na transición entre o Rexurdimento e as Irmandades da Fala, en Solidaridad Gallega, na RAG, na primeira etapa d’A Nosa Terra (1907-1908) e noutras moitas actividades a prol de Galicia. No ano 1864 nacía tamén Aurelio Ribalta, autor da primeira novela galega Ferruxe (1894), poeta, gramático e fundador da revista <Estudos Galegos> en Madrid. A súa narrativa galega esta recolleita, pero debe recollerse a súa poesía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *