O señor de Rianxo, de novo entre nós

20140605_capa_def_trazRomán Arén. Evaristo Martelo Paumán Nero e Zuazo foi definido polo profesor Carballo Calero como “fidalgo idealista”, mais foi algo máis ca un fidalgo, pois era marqués de Almeiras, vizconde de Andeiro, señor do pazo de Rianxo, que herdara dos Soutomaior, e das Torres de Vimianzo. O seu idealismo traducíase, na práctica, en carlismo, un carlismo de rostro humano, un “feudalismo ilustrado”, engade con sorna Carballo. Pero este nobre anacrónico xa na súa época, moi amigo de Pondal, volve agora a nós da man da editorial Plan B, cunha Antoloxía poética que inclúe o monólogo dramático, en verso, Rentar de Castromil, posto nas táboas en 1904, que non carece de méritos, moi próximo ao poeta de Ponteceso. Os xuízos de Carballo Calero sobre don Evaristo Martelo, seguen a ser, en xeral, válidos hoxe. Clasifícao entre os diádocos ou compañeiros das grandes figuras do Rexurdimento. Avogado, concelleiro na cidade herculina, pertenceu ao faladoiro da Cova Céltica e estivo moi vencellado non só a Pondal, senón tamén a Vaamonde Lores e a Murguía. Asegura Carballo que, nesa tertulia, “non houbo –afastado Pondal- nada que se parecese a un poeta, como non foran Martelo Paumán e Florencio Vaamonde”. pauman 2Malia que o profesor ferrolán amosa simpatía certa polo marqués de Almeiras, sinala non só a súa “persoalidade máis acusada” senón tamén o seu desleixo formal, un abuso de ton conversacional, que hoxe, engado eu, agradecemos para rebaixar a énfase, e recoñécelle encanto e forza (“virilidade”, escribe Carballo). Une o senso cívico e o deber patriótico, con enerxía, para amosar un ideal heroico, mais non estético, mais si exemplarizante. Acerta o profesor Carballo ao sinalar que, se ben non están ausentes o bardismo e o celtismo, o seu mundo “ideal” está na Idade Media, é “gótico” e non “céltico”. A súa Galicia é patriarcal, con xustiza para todos, pero aristocrática. Un ideal que nel parece sincero pola dicción enérxica, e así logra o mellor de si mesmo nas pequenas pezas patrióticas e nas evocacións histórico-familiares. A súa outra musa é o galego, o que leva á poesía satírica (Os afillados do demo, 1885; A noite de San Silvestre, 1890), para atacar os que non partillan con el o seu concepto de galego literario: unha lingua de reis, que debe estar limpa de vulgarismos, ruralismos e neoloxismos modernizadores. As súas pezas líricas reuniunas en Líricas gallegas (1894) e Landras e baias (1919), pero tamén cultivou a épica en Andeiro (1922). Martelo logrou as súas mellores pezas en “Ruada”, “A misión dos bardos”, “Lembranza” (sobre o seu pazo de Rianxo) e “As torres de Vimianzo”. Tampouco carecen de mérito “A Galicia” e “A Rosalía”. Todas están nesta antoloxía agás “Ruada”, a mellor sen dúbida, que si está nas antoloxías de Fernández del Riego Do dezanove aos continuadores (1976) e na de Vía Láctea de 1988.

Hoxe, por unha peza como “Ruada”, o marqués de Almeira sería acusado de terrorista:

As armas tendes no chan?/ ben; bailade; hai mans de ferro/para collelas mañán.

Non está lonxe do ton de Pondal nin de “Caste dos Celtas” de Alfredo Brañas.

pouman 3Sinceramente eu tería engadido esta peza na antoloxía e, quizais, “A Xan de Ouces” (<A Nosa Terra> nº 40, 27-5-1908). Para rematar, Evaristo Matelo Paumán naceu en 1850? Iso di esta antoloxía, pero Carballo e outros anotan 1853. Hai acordo en que faleceu en 1928. Esta Antoloxía Poética, en edición rústica de peto, inclúe vinte e seis textos, incluídos algúns textos epigramáticos como o dedicado a Pondal e a San Xosé de Rianxiño. A Cova Céltica vai saíndo do escuro con esta edición de Martelo e algunha de Vaamonde Lores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *