Vixencia de Rock Bottom, cumio da excelsa obra de Robert Wyatt (I)

robert-wyatt-rock-bottom-1Gonzalo Trasbach. O mítico Rock Botton cumpre corenta anos. Aínda que editado en xullo de 1974, foi  presentado en público o 8 de setembro nun concerto en Londres. Aquí tardamos máis en coñecelo. Estando na mili, nun permiso e a través dun amigo, escoitei por vez primeira o segundo disco en solitario de Robert Wyatt, o batería dun grupo que tiña marcado un punto de inflexión no chamado rock progresivo: Soft Machine. Lembro que cando oín a fonda tristura que saía daquela voz afiada, o meu decaído ánimo mudou e logo empreguei bastante tempo para atopar información sobre o autor e a súa traxectoria. Mais o álbum que editou entonces o selo Virgin é unha obra monumental e atemporal. Da súa actualidade fala que o festival de verán de Les Nuits de Fourevière de Lyon (Francia) lle quixera render unha homenaxe a Wyatt e ao traballo que se considera o cumio do seu vagar pola paisaxe post-Caterbury. Os británicos North Sea Radio Orchestra e John Graves, os franceses Élise Caron e Silvia Vanot e o catalán Pascal Comelade foron os encargados de encarnar de novo o lendario álbum.

robert wyattRobert Wyatt naceu en Bristol o 28 de xaneiro de 1945. Membro fundador de Soft Machine, unha das bandas máis destacadas da denominada escena Canterbury, a cal constituíu xunto con Mike Ratledge, Kevin Ayers (falecido no 2013) e Daevid Allen, despois de ter militado dende 1963 ata 1966 nas filas de Wilde Flowers. Abandou o grupo (din que o chimparon) en 1970. Tres anos máis tarde, o 1 de xuño de 1973 durante unha festa caeu por unha fiestra. Quedou paralítico e tivo que deixar de tocar a batería. Pese a estar condenado a vivir atado a unha cadeira de rodas para toda a vida, recuperouse e continuou coa súa carreira musical en solitario, que tiña comezado no 1971 coa publicación de The End Of An Ear, o seu primeiro e en xeral esquecido álbum, pero non por iso menor que outros moitos da súa longa e dilatada traxectoria, ao fronte de Matching Mole, formación que argallou logo de saír de Soft Machine. Da man do seu mentor George Niedorf, no 1962 viaxou a Mallorca onde conviviu co escritor Robert Greaves. En terras mallorquinas empapouse da cultura hippie  e un ano despois ergueu Wilde Flowers, orixe das formacións Soft Machine e Caravan.

robert wyatt 3Na festa do 1 de xuño daquel 1973, no piso de Lady June, é de supoñer que o mozo e díscolo batería consumise de todo. Segundo unha lenda urbana, meteuse no bathroom cunha moza, e diante da ameaza da súa noiva a poeta Alfreda Benge, tirouse pola ventá sen saber que estaba nun terceiro (outros din segundo e incluso cuarto) andar. Diante da súa paraplexía, mudou a batería polos teclados. A súa traumática situación, o seu desexo de autonomía e esperanza están presentes en Rock Bottom, un álbum onde se destapa a súa sensibilidade, visión ánima retranqueira á vez clarividente, imprevisíbel e máxica, educada nas fontes do jazz, a música latina, africana ou asiática, atraída polas raíces e coroada por unha voz arrebatadora, usada coma un instrumento máis.

robertwyatt460Así pois, Rock Bottom, producido por Nick Manson, batería de Pink Floyd, é a obra clave da súa discografía e unha das mellores da historia da música popular. Wyatt volveu do reino dos mortos cun teclado de segunda man baixo o brazo, coa súa voz aguileña moito máis afiada e seis temas memorábeis. Aínda que Sea Song, a porta de entrada a unha explosión de poesía e inventiva, desprende unha beleza case insuperábel para os seguintes temas. Pero tamén regresou acompañado dun grupo de amigos preparados e dispostos para executar os mil e un detalles despregados polo compositor: a trompeta do falecido Mongezi Feza en Little Red Riding Hood Hit The Road é pura adrenalina, e a viola de Fred Frith en Little Red Robin Hood Hit The Road, o seu reverso. A colaboración de Alfreda Benge, con quen vive dende aquel aciago accidente, resultou un puntazo para cociñar un disco preñado dunha intensa densidade emocional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *