Román Arén. A colección Sons de Assírio & Alvim edita este Poemas de Mário Cesariny ditos por Mário Cesariny (2007), con capa do propio autor de 1948. O libro, claro é, vai na compaña dun CD de case unha hora coa voz do poeta.Foi Mário Cesariny (1903-2006) figura chave, figura rei, do surrealismo portugués, no que entrou en 1947 con O’Neill e Lisboa, para pasar a 1949 ao grupo Surrealista Dissidente con Leiria e Lisboa. Grande poeta, que arrincou do compromiso realista para escribir O virgem negra (desmitificación de Pessoa), Pena Capital, Titânia ou a cidade escura, Manual de Presdigitaçao, A cidade queimada, A intervençao Surrealista, Nobilíssima Visao, Jornal do gato e outras varias.
Foi tamén pintor, tradutor e teórico crítico de pintura, antólogo (Antologia do cadáver exquisito). Pero é, foi, será, fundamentalmente poeta. O seu mellor coñecedor en Galiza, Xesús González Gómez (que tanto sabe de surrealismo) láiase de que uns poetas mediocres como Eugénio de Andrade ou Ramos Rosa tivesen máis repercusión internacional, e apónllelo aos críticos e profesores que consideran morto o surrealismo en 1939. É certo en grande parte, como é certo que amor, poesía, liberdade e humor (sarcasmo, ironía e humor negro) caracterizan a súa poesía. Por iso quizais o aprecen menos os que cren que o Surrealismo é só escuridade, apocalipse, visión. Cesariny converte o real, o cotián en marabilla. Densa da liberdade, si, pero non a da Grapo, que é autoritarismo. E esperanza, esperar na idade dos homes puros, sen violencia nin autoridade. O amor redentor, sen vencello coa morte. O gusto polo absurdo, a liberdade toda: “Ama como a estrada começa”, “amor ardente de forma distinta”.
O volume ten en conta tres libros para autologalos o mesmo poeta, pero a inmensa maioría proceden de Pena Capital e Manual de Prestidigitaçao, importante homenaxe a Antonin Artaud: “Haverá uma idade para nomes que nâo estes / haverá uma idade para nomes/puros/nomes que magnetizen/constelaçoes/puras/que façan irromper nos nervos e nos ossos/dos amantes/inexplicáveis construçoes radiosas/ prontas a circular entre a fuligem/de duas bocas/puras…/Haverá um acordar.