Supostamente machistas

machismo 2X. Ricardo Losada. Escoito dicir que está aumentando o machismo entre os alumnos de Secundaria. Non o poño en dúbida, nin vou cuestionar as conclusións duns estudos feitos con rigor. Pero non coincide coa miña experiencia de profesor. Eu vexo máis alumnos de pose machista que verdadeiros machistas. Explícome. ¿É machista un rapaz que di que os homes non poden facer as camas ou que as mulleres son menos intelixentes, pero que lle pide a unha compañeira os apuntes, porque os toma mellor, ou que lle explique matemáticas, porque as entende con maior facilidade? Eu creo que non. Pásame algo parecido cos afeccionados ao fútbol. Négome a considerar racista a quen lle chama mono ou lle tira un plátano a un xogador rival negro, pero admira e gaba un xogador negro do seu equipo. A actitude é igualmente criticable, pero, para corrixila, é importante facer un bo diagnóstico. O mesmo sucede co problema dos alumnos supostamente machistas. Antes abordábao con unidades didácticas que lles explicaban que era o machismo, a súa inconsistencia científica (gabarse de ser machista, dicíalles, e dígolles, é como gabarse de ser ignorante) e as nefastas consecuencias que tivera e ten para a humanidade. Só conseguía que se enrocasen na súa postura.machismo1 Calaban en clase, ou recoñecían, se os presionaba, que era inxusto, pero nos corredores ou no patio seguían comportándose do mesmo xeito. Non ían cambiar diante duns compañeiros cos que se gababan todos os días de ser machistas porque llelo dixera un profesor.

     Pero había unha razón máis profunda. Descubrina un día, vendo que un deses alumnos supostamente machistas, que eu puxera cunha compañeira a facer un traballo, deixaba que ela levase a dirección porque era mellor alumna, e aceptaba despois de boa gana a nota que grazas a ela conseguira. Entón pregunteime: ¿por que se gaba de ser machista, se non o é? Non tiven que pensalo moito. Aquel alumno non era machista, era un ghetas. Ningún adolescente cre realmente que a muller é intelectualmente inferior ao home. ¿Por que está medrando entón o machismo? Porque lle chamamos machismo a algo que, ademais das ganas de provocar, si está medrando (a comodidade: física, psicolóxica, intelectual), pero que non o é. Eses rapaces foron educados cuns roles que eran un choio para eles (as tarefas desagradables, para as mulleres) e, como é natural, aceptáronos encantados. machismoFacer camas, varrer, recoller a mesa eran actividades que, como todo o mundo sabe, fan mellor as mulleres, que naceron para iso. Pasaron os anos e comezaron a oír que eran machistas por non facer o que non querían facer. Tiñan tres opcións. Demostrar que non eran machistas renunciando a tanto privilexio, aceptar que non o eran só para quedar ben, pero sen renunciar aos privilexios, ou aceptar que o eran e non renunciar a eses privilexios. Non é necesario dicir en que grao optaron por cada unha das alternativas.

     Non vou gabarme aquí de conseguir avance ningún no comportamento na casa, no patio ou nos corredores do instituto deses alumnos supostamente machistas. Pero desde que abordo o tema desde esa perspectiva (Es un ghetas) a súa reacción en clase cambia moito. Antes, encoraxábanse, agora, calan e póñense encarnados co ridículo. Nese pórse encarnado teño eu máis esperanza que nas unidades didácticas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *