Xerardo AgraFoxo. Un ancián –que trae un andar pousado e axúdase dun caxato– foxe dun xeriátrico cando se atopa cun home. Este trátao cun ton amigábel: E logo non lle prestaría vir comigo? Un sarxento da Benemérita, un día antes de xubilarse, se non estaría mal pórlle unha bomba a todo. Un director xeral planifica unha cita amorosa coa súa secretaria, MaríJosé: “Será otro fantástico fin de semana! E dúas mulleres, unha nai, Carlota, e a súa filla, Vanesa, van camiño das rebaixas: Mamá, no seas borde, porfa! Así comezan estas Zapatillas rotas (2014), a última aposta de Xabier Quiroga, que se confirmou coma un dos escritores galegos máis recoñecidos con Atuando na Braña (Premio Losada Diéguez, 2002), Era por setembro (2004) e O cabo do mundo (Premio da Crítica, 2010).
E, nada máis presentar estes personaxes, desenvolve unha trama que ten como protagonista a Xaquín Amoedo que, logo de ingresar voluntariamente nunha residencia, desaparece co misterioso home, que consegue espertar a vida durmida dun vello cun pasado marcado pola guerra e a violencia que se respiraba na súa casa. O asunto traspasa o ámbito familiar, por ser o ancián sogro dun director xeral, casado coa súa única filla, Carlota.

Por este motivo, uns medios de comunicación “sensacionalistas”, o sarxento Parga, o alcalde de Vilavella do Miño, o persoal da residencia, e outros personaxes secundarios, mesmo un noxento francotirador, se constitúen en pezas dunha novela que, se nun principio semella unha viaxe de aventuras, despois se converte no retrato dunha sociedade onde as falsas aparencias e as vaidades absurdas son criticadas con dureza.
Malia que o final semella previsible, como tantas novelas que relemos, o máis gratificante desta obra –armada cun limiar, 95 capítulos e un remate– é a súa riqueza léxica, unha variedade de rexistros lingüísticos e expresións, entre elas, as expresadas en castelán, que converten este libro nunha auténtica alfaia literaria.