Mi enemigo mortal, de Willa Cather

mi enemigoInés Otero. Cun enigmático título, esta narradora escribiu unha das xoias máis prezadas da novela curta americana. Willa Cather, que nacera en Winchester (Virxinia) no ano 1876, pertencía a unha familia de orixe irlandés e pasou a súa infancia no estado de Nebraska, un territorio colonizado por inmigrantes checos e escandinavos, e que ela percorreu  no seu día vestida de home e baixo o reivindicativo nome de William. Entre as obras que a converteron nunha escritora importante, antes da súa morte na cidade de Nova York en 1947, están Mi Antonia (1918), Una dama extraviada (1923) –publicadas por Alba Clásica– , La muerte y el arzobispo (1927) e One of Ours, que recibiu o Premio Pulitzer no ano 1922.

En Mi enemigo mortal (1926) conta a vida de Myra Driscoll, unha muller do sur de Illinois que se converteu nunha lenda –entre os seus veciños– cando renunciou á fortuna familiar para casar co home que amaba, Oswald Henshawe. A historia está narrada por unha moza que presenciou certos feitos de forma episódica, pero que acaba comprometéndose emocional e imaxinariamente con eles. mi enemigo 2A obra está dividida en dúas partes cunha simetría semellante, pero cun punto de vista diferente. Na primeira conta a fascinación que lle produciu a aventura amorosa de Mary Driscoll e a súa vida displicente en Nova York. Na segunda, transcorridos dez anos, a acción trasládase á costa Oeste, e a narradora deixa de ser unha observadora apaixonada para tomar parte na historia da protagonista que agora vive cinguida por outras circunstancias máis amargas.

Un libro imprescindible pola súa profundidade narrativa, e un título misterioso que nos axuda a comprender esta conmovedora historia que, como dixo o crítico e  escritor José María Guelbenzu, “é tan fonda a súa beleza literaria que ata se lle perdoa a brevidade”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *