Nas Trevas Exteriores, de Cormac McCarthy

trevas1Xerardo AgraFoxo. Os irmáns Rinthy e Culla Holme, que viven no “seo das trevas silenciosas”, enfróntanse a unha experiencia arrepiante. Ela, unha moza de tan só dezanove anos, está embarazada de Culla. El, despois de abandonar nunha fraga o fillo que acaba de nacer, dille que o neno morreu. “Só quería saber ondé que foi que tu puseste?”, pregunta ela. “Na terra”, contesta el. Cando Rhinty descobre a mentira –e cre que a “criaturinha” foi levada por un “bufarinheiro– intenta recuperalo. Entón Culla procura dar coas pegadas da súa irmá. Ao principio de cada capítulo aparecen uns misteriosos homes –“como fantasmas que ressurgem nas terras desvastadas pelas fevres”– e paseniño se coñecerá o secreto que agochan os dous irmáns que están abocados a padecer un tráxico destino.

trevas2O libro –a traduçao lusa para Relóxio D’Àgua Editores é de Paulo Fária– amosa as mesmas características literarias doutras pezas de Cormac McCarthy (Rhode Island, 1933) como A estrada (Premio Pulitzer, 2007): unha prosa con diálogos moi curtos; a presenza dunha paisaxe inhóspita, coma se fose un personaxe máis da trama novelesca; uns personaxes duros e marxinais que viven no fío da fronteira –neste caso, o territorio da Appalachia estadounidense–;  unha viaxe ateigada de problemas e ameazas, que se presenta coma unha fuxida sen rumbo; e unha trama tan turbia e desconcertante que o espectador avanza na lectura de cada páxina case sen alento.

Unha fábula violenta, unha historia sobre o perdón e o pecado,  o mal e o ben, no medio dunhas descricións poéticas, unhas “pessoas muito estranhas”  e un final con aire apocalíptico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *