Román Arén. En 1814 nacía Mijaíl Iurióvich Lérmontov en Moscú, quen se converterá na segunda figura en importancia do Romanticismo ruso despois de Pushkin. Moi influído por Byron, é, non obstante, un poeta de grande valor, moi admirado non só polos seus contemporáneos, pola sinceridade e valentía da súa voz, senón tamén por Tolstoi de Chéjov. Dramaturgo de mérito, destacou como narrador con Un heroe do noso tempo, novela (ou agrupación de relatos co mesmo protagonista) que mantén hoxe o seu valor. Home de pensamento liberal, a súa poesía inspirou a músicos importantes como Antón Rubinstein e a pintores como Vrúbel, Repin, Belkin e Glazunov. Tamén Borodín, Balákirv e Arenski crearon composicións musicais baseadas no poema narrativo “Mzyri”.
Para conmemorar este segundo centenario de Lérmontov a editorial Cátedra publica o volume Poemas. Poesías líricas, en edición bilingüe de Mijaíl Chílikov, quen logra unha tradución que respecta a rima e convence pola súa calidade. E unha selección na que “Poemas” quere dicir poesía narrativa, para diferenciala da poesía lírica. Inclúe “El demonio”, “Mzyri”, e “El fugitivo”. A primeira é un dos cumios de Lérmontov porque logra unha grande orixinalidade nun tema universal e moi tratado polos poetas, o do anxo caído. Competir con Milton, Byron, Vigny, Goethe, Pushkin, non é mérito pequeno. E ser orixinal ademais, pois o seu Lucifer, á marxe da ética tradicional, cun destino único e insólito, sintetiza os afáns humanos de Goethe co nihilismo de Byron. O xenio do mal arela a beleza, a bondade, a serenidade. E esa arela maniféstase polo amor de Satán a Thamara, pero a frustración amorosa a imposibilidade de acabar co mal. O poema concibiuno Lérmontov aos quince anos e rematouno dez anos despois. A énfase atea do texto impediu a edición en vida do poeta, pero circulaba en copias manuscritas. “Mzyri” é tamén a figura rebelde, chea de forza, que quere derrotar a predeterminación.
Cómpre lembrar que Rosalía leu a Lérmontov e cítao na súa obra narrativa, aspecto que xa estudaron Carballo Calero e Filgueira Valverde. Pero en galego dispoñemos dunha tradución de Un heroe do noso tempo, feita para Xerais e a súa colección Xabarín por Manuel Riveiro Loureiro en 1989. O destino do protagonista prefigura a morte real do autor en 1841. Pecherín, o heroe, ou mellor antiheroe, é a síntese do desencanto dunha xeración. Abraia a estrutura da obra, con saltos temporais, de orde, nunha obra de gran liberdade.