Auditoria moral

filgueira_351x234X. Ricardo Losada. Seguín na prensa a polémica sobre a decisión de dedicarlle o día das Letras Galegas a Filgueira Valverde. É lóxico homenaxear a quen foi alcalde franquista de Pontevedra? Como me pasa ultimamente con este tipo de cada vez máis frecuentes polémicas, cansei axiña. Máis que debate hai ideoloxía, e comeza a pasarme coas ideoloxías o mesmo que lle pasaba, máis ou menos á miña idade, á muller do escritor chileno José Donoso. “Ya no tengo edad”, dicía, ”para gozar lamiendo a un señor de la cabeza a los pies”. Eu tampouco teño idade para andar lambendo a ideoloxía de ninguén da cabeza aos pés, e nese tipo de polémicas non che queda outra se non queres acabar sufrindo unha violación sadomasoquista en toda regra. Así que decidín masturbarme pola miña conta e analizar en privado o carácter ético dos escritores galegos que admiro, póndome como requisito non lambelos. Como non podía ser doutro xeito, acabei facéndolle unha auditoría moral aos máis importantes escritores rianxeiros. Ao fin e ao cabo, coñezo máis a súa vida que a de outros escritores, e nacín no mesmo lugar ca eles. Como hai múltiples criterios para facer unha auditoría dese tipo, escollín un que me gusta moito: a calidade dos seus defectos e das súas virtudes a nivel persoal, político e literario.

castelao     Castelao foi home de pequenos defectos e grandes virtudes a nivel persoal, de grandes defectos e grandes virtudes a nivel artístico, e de pequenos defectos e grandes virtudes a nivel político. Dieste foi home de grandes defectos e pequenas virtudes a nivel persoal, de pequenos defectos e grandes virtudes a nivel artístico, e de pequenos defectos e grandes virtudes a nivel político. Manuel Antonio foi home de grandes defectos e grandes virtudes a nivel persoal, de grandes defectos e grandes virtudes a nivel artístico, e de grandes defectos e grandes virtudes a nivel político.

     Non teño aquí espazo para razoar todas esas cuestionables afirmacións. Só direi que cando escribo un artigo coma este, intento cumprir os catro criterios que, ao meu entender, debe ter todo acto cultural. Ter tese, é dicir, desenvolver unha convicción. Ter estrutura, é dicir, razoar esa tese. Ter dúbidas, é dicir, crear disonancias no lector, única forma de que cumpra o último requisito: ter voz, é dicir, fomentar o diálogo. E aínda engadiría outro, que considero fundamental: ter humor. Así, con eses criterios na man, cando sigo unha polémica como a de Filgueira, nunca lle dou a razón, diga o que diga, a quen me recorda os cregos que me berraban na infancia, e que era incapaz de imaxinar sorrindo. Dito en termos de auditoría moral rianxeira: para criticar os grandes defectos dos demais, prefiro as humorísticas caricaturas de Castelao que os sadomasoquistas manifestos de Manuel Antonio.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *